Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O PP pedirá no Parlamento compromiso para a reactivación de Alcoa en San Cibrao

Por 19 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España amplíe o programa de apoio ao Xacobeo 21-22 mediante a extensión das desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023. Así mesmo, solicitará que o Goberno central e Alcoa garantan a reactivación da planta de San Cibrao canto antes, ao tempo que se establece un marco enerxético competitivo para garantir o futuro da produción de aluminio primario. 

Ao remate da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia do conselleiro de Sanidade, por petición propia, para informar sobre a evolución da pandemia da Covid-19 e o seu impacto sobre a atención primaria. “Cumprimos deste xeito o noso compromiso de que o conselleiro compareza no primeiro pleno deste novo período de sesións, tal e como avanzamos na reunión da Deputación Permanente celebrada a pasada semana”, indicou.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará a ampliación das desgravacións fiscais para o Xacobeo 21-22 ata o 31 de decembro de 2023, logo de que tanto os socialistas como os demais grupos políticos que apoian ao Goberno de Pedro Sánchez rexeitaran a emenda do Grupo Popular para incorporar esta medida nos orzamentos do Estado para 2022. 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España e Alcoa amosen o seu compromiso claro para garantir a reactivación da planta de San Cibrao, porque “España non pode prescindir dunha industria que se considerou básica durante a pandemia”. 

O portavoz popular lembrou que o principal problema das industrias electrointensivas como Alcoa “ten que ver co prezo da luz, que supón un custe adicional para as empresas españolas en comparación coas súas competidoras europeas”. Deste xeito, demandou que tanto o Goberno central como a empresa se impliquen para reactivar as cubas canto antes, adoptando as medidas necesarias para poder contar cun prezo eléctrico competitivo e levar a cabo os investimentos comprometidos para reactivar a única planta de España que produce aluminio primario. 

Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España unha liña de actuación específica destinada a paliar o impacto da suba do prezo da enerxía eléctrica nas empresas da industria do mar, ao tempo que se pide á Xunta que manteña as axudas destinadas a empresas de transformación e acuicultura para proxectos de mellora da eficiencia enerxética.