Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria analizou co BNG a situación da comarca

Por 22 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de reunirse co BNG en San Cibrao para analizar en profundidade a situación sanitaria na comarca. Se ben nesta ocasión púxose o énfase na Atención Primaria, abordouse tamén a situación no Hospital da Mariña, para deste xeito facer un enfoque global da sanidade pública, na certeza de que ambos os dous niveis asistenciais retroaliméntanse mutuamente.

A xuntanza deu comezo cunha posta en común, por parte de diversos integrantes do colectivo sanitario, das principais deficiencias que existen na comarca . Así, falaron da situación de emerxencia na que se atopan todos os centros de saúde, con falta de facultativos para atendelos, cando menos do cincuenta por cento, e ata chegar á situación insostible que viviu o centro de saúde de Viveiro varios días nos que un só había un médico para atender á totalidade do Concello, cunha poboación próxima aos dezaseismil habitantes.

Trasladaron tamén aos responsables políticos do BNG a preocupación pola deriva que está a tomar a Fisioterapia en Atención Primaria, pola negativa a dotar de fisioterapeutas en quenda de tarde aos centros de saúde que xa contan co servizo en quenda de mañá, tendo unhas instalacións infrautilizadas. Coincidiron en cualificar como de inaudita a decisión de que o centro de saúde de Burela careza de servizo de fisioterapia, obligando a derivar aos pacientes á única medica rehabilitadora que hai na comarca e que posteriormente esta prescriba fisioterapia no hospital.

Segundo relatou a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, “outro dos problemas graves e que interesan aos dous niveles asistenciais foi a supresión do servizo presencial de HADO/paliativos en dez dos catorce concellos do distrito sanitario, obrigando aos profesionais de primaria, sobrecargados e exhaustos, a asumir eses servizos”.

“A decisión de derivar pacientes positivos en covid cara ao Hula por falta de persoal de enfermaría, malia haber camas sen ocupar na unidade onde se tratan pacientes covid, foi definido polos activistas sanitarios como outra proba máis do plan estratéxico do goberno do PP para o baleirado de contido que sufre o centro, máis acusado desde a supresión da Área Sanitaria”, engade Porteiro.

Tras escoitar as demandas da Plataforma Sanitaria, a responsable de sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado e o deputado mariñao Dani Castro manifestaron que existe un plan estratéxico de desprestixio da sanidade pública por parte do goberno da Xunta para promocionar e dar pulo ás grandes multinacionais da sanidade privada, “con campañas de marketing para que usuarios descontentas cos servizos públicos mermados, se vexan na obriga de contratar seguros privados”.

Malia este panorama desolador os deputados aseguraron que “o diagnóstico está feito e hai alternativas para frear esta sangría”, e estas pasan por crer que a sanidade pública é esencial e, polo tanto dotalo con recursos económicos, polo que é necesario aumentar o orzamento sanitario. En canto aos recursos humanos, hai que dar estabilidade aos profesionais, desbotando os contratos precarios de días ou horas, previa planificación das necesidades reais.