Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O Parlamento demanda ao Goberno e Alcoa a reactivación da planta de San Cibrao

Por 27 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención do BNG, a través da que se demanda un compromiso claro por parte do Goberno de España e da empresa Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes. A viceportavoz popular, Elena Candia, insistiu que “necesitamos un prezo da enerxía eléctrica competitivo para que se siga producindo aluminio primario na Mariña, unha actividade que o Goberno central considerou esencial durante a pandemia”. 

A iniciativa parlamentaria inclúe, ademais, a solicitude ao Goberno galego para que siga traballando co mesmo espírito construtivo ao lado dos traballadores, achegándolles todos os apoios necesarios. 

INICIATIVAS EMPRESARIAIS PRIORITARIAS

Así mesmo, pídese que se adapten as medidas oportunas para considerar como iniciativas empresariais prioritarias os proxectos regulados na Lei 8/2009, de 22 de decembro, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo, garantindo polo menos o 50 por cento do consumo de enerxía cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade galega, vinculando estes proxectos ao centro de traballo determinado do que se trate.

Elena Candia asegurou que “a paralización da produción de aluminio en Alcoa non é unha boa noticia” e afirmou que é consecuencia dunha “política enerxética do Goberno de España totalmente equivocada, que está xerando un desmantelamento do tecido industrial e empresarial en España, pero que afecta especialmente á Galicia”. 

REACTIVAR AS CUBAS CANTO ANTES

“É o momento de que o Goberno de España e Alcoa se impliquen realmente para reactivar as cubas canto antes, sen esperar a 2024, adoptando as medidas necesarias para poder contar cun prezo eléctrico competitivo e levar a cabo os investimentos comprometidos para reactivar a única planta en España que produce aluminio primario”, dixo a viceportoz popular.

Candia lamentou que o BNG “viñera hoxe ao Parlamento galego con contos que só supoñen unha falta de respecto para os traballadores de Alcoa, cando o que se precisa é mirar cara ao futuro e dicirlles ás familias que vai haber un compromiso serio e de futuro para que se volva producir aluminio primario cun prezo competitivo da electricidade”.