Skip to main content
Alfoz

Iniciada a redacción do plan básico municipal de Alfoz

Por 7 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Comezouse a redacción da segunda fase dos plans básicos municipais, da que forman parte varios concellos lucenses, entre eles o de Alfoz. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar os contratos do acordo marco para o servizo de redacción deste instrumento de ordenación, pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes.

O importe para este concello mariñao é de 65.113 euros e cómpre lembrar que a financiación dun plan básico municipal é unha das vías da Xunta de Galicia para apoiar ás administracións locais na meta de contar cunha ferramenta que lles garanta unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal e que está recollida na Lei do solo. 

A adxudicación deste contrato é a continuación dos traballos necesarios para obter a cartografía das 36.890 hectáreas que suman os tres concellos de Alfoz, Guntín e Samos, que xunto co resto da segunda fase se unirán á listaxe xa formada por outros nove: Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río; que tomaron como modelo e exemplo o plan básico do Páramo, redactado e impulsado pola Xunta. Estes concellos da primeira fase continúan avanzando na súa tramitación, tras acadar xa a aprobación inicial dos seus respectivos PBM.

A Xunta defende que o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso seguirá ao carón das administracións locais concedendo 3,2 millóns de euros en 2022 en axudas para a redacción dun PXOM ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fai cos 18 concellos que apostan polo mesmo, así como prestando o apoio e asesoramento técnico que necesiten.

O obxectivo do Goberno autonómico é acadar que todos os concellos galegos conten cun planeamento que protexa e poña en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo.