Skip to main content
Alfoz

Os plenos do Concello de Alfoz non se gravarán

Por 31 Xaneiro, 2022Sin comentarios

No Pleno municipal VIA Alfoz instou ao Goberno municipal a que, a través do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo, se proceda á  gravación dos Plenos Municipais. Así mesmo, tamén se solicitou que as gravacións das sesións se publiquen na páxina web do Concello de Alfoz, habilitando un espazo visible e facilmente accesible para tal fin. 

Sometida a moción a debate, finalmente non foi aprobada polo voto en conta dos catro representantes do PSOE presentes no Pleno, tendo que facer uso do voto de calidade do alcalde xa que os dous edís do PP sumáronse aos dous de VIA Alfoz a favor da moción.

Desde o grupo municipal de VIA Alfoz indican que, “as administracións públicas, e os representantes políticos que formamos parte delas, temos a obriga de facilitar a maior información e participación da nosa veciñanza nos asuntos municipais que lles interesan e lles afectan”. Ademais, tal e como indica a moción, indican que “é obvio que os debates e os acordos adoptados nos Plenos municipais interesan e afectan a toda a veciñanza, tendo dereito a acceder de forma sinxela e rápida ao que din e deciden os seus representantes públicos”.

Desde o equipo de Goberno do PSOE indican que as actas das sesións xa se publican na Sede Electrónica do Concello polo que non consideran necesaria a gravación dos Plenos. Neste sentido, desde VIA Alfoz recordan que “é certo que se lle dá publicidade ás actas das diferentes sesións, pero  consideramos que a gravación dos Plenos Municipais é unha forma sinxela e obxectiva de amosar a transparencia que a veciñanza espera dos seus representantes políticos”, ademais, “non entendemos a actitude do PSOE, nin sabemos o que lle queren ocultar aos veciños. A gravación dos plenos permitiría que todo o mundo ver a verdadeira actitude do equipo de goberno nos Plenos”.

Neste sentido, no propio Pleno, Jorge Val, alcalde de Alfoz, indicaba que “nas redes se estaban terxiversando unhas declaracións da concelleira Incera que aparecen na acta da sesión anterior, en referencia ás obras do peche perimetral do Ceip Castro de Ouro”. “Isto saca á luz as diferencias que existen dentro do goberno municipal entre o Sr. Val e a Sra. Incera xa que, mentres que o primeiro indica que esas declaracións eran falsas a segunda confirmou que ela dixera que ía eliminar o muro existente e facer un novo, tal e como di a acta”. En calquera caso, desde VIA Alfoz recordan que “a gravación dos plenos evitaría estas discrepancias” e tamén se laian de que  “finalmente non se está facendo un muro novo”, a pesar das declaracións da Tenente Alcalde.

Desde VIA Alfoz “sorpréndense da actitude dos grupos de PSOE e PP, recordando que o mesmo PSOE estaba interesado na gravación dos plenos en 2003, negándose por aquel entón o PP. Parece o mundo ao revés. Algúns esquecen os seus principios cando acceden ao goberno”, apuntan desde VIA Alfoz, engadindo que “trátase dun exercicio de transparencia que o actual goberno non quere realizar”.

No Pleno tamén de debateron outras dúas mocións presentadas por VIA Alfoz correspondentes á realización dunha campaña de sensibilización de responsabilidade cidadá, coa finalidade conseguir unha sociedade concienciada co coidado do medio ambiente, xa que “nos últimos tempos vénse observando a proliferación de lixo nas beiras das vías públicas do noso concello”. Na moción, que foi aprobada por unanimidade, tamén se insta a promover iniciativas de voluntariado, enfocadas en realizar recollidas de lixo a través de diferentes asociacións. 

A terceira moción, insta ao Servizo Galego de Saúde á substitución da sinalización existente nos aseos do Centro de Saúde de Alfoz, colocando outra inclusiva, igualitaria e non discriminatoria por estereotipos de xénero ou diversidade funcional. Esta moción foi igualmente aprobada por unanimidade, ampliando o alcance da mesma, a petición de PSOE e PP, para pedirlle ao Segas que se cubran as baixas dos médicos e que se atendan as necesidades de material e accesibilidade.