Skip to main content
Foz

O Concello de Foz adxudicou a urbanización da rúa da Costa

Por 12 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Concello de Foz celebrou a mesa de contratación da obra de urbanización da rúa Costa do Castro. Cunha oferta de 500.721,82 euros (IVE incluído) a empresa adxudicataria proposta resultou Construcciones Isidro Otero SL.

O rexedor municipal focense, Fran Cajoto, agradece de novo á Deputación de Lugo e ao seu presidente o compromiso co Concello de Foz: “esta obra é posible grazas a que o 80 por cento do custo é financiado pola Deputación de Lugo, o 20% restante son fondos propios do Concello de Foz”.

O alcalde recorda que as obras consisten na urbanización completa da rúa Costa do Castro entre Álvaro Cunqueiro e o cemiterio, que se transformará nun vial completamente renovado, con beirarrúas de máis de 2 metros de anchura, novo alumeado público e a mellora de servizos, como a substitución da rede de abastecemento e a disposición dunha rede separativa cun novo colector de pluviais. “Cando actuamos nunha rúa temos que pensar no que se ve e no que non se ve;  e por iso somos ben coidadosos na renovación de tubaxes. Con esta obra estamos a transformar un camiño urbano nunha rúa ben definida. Non é de recibo que as persoas que viven nos bloques de edificios ou acoden ao cemiterio teñan que sortear vehículos: vai supoñer unha mellora substancial na seguridade dos peóns”, explica Fran Cajoto.

Os licitantes tiñan a posibilidade de ofertar unha serie de melloras e así aconteceu no caso da oferta máis vantaxosa: “Vanse poder levar a cabo todas as melloras incluídas nos pregos de licitación. É unha gran nova porque complementan dunha forma moi importante a obra principal, dándolle sentido de conxunto e garantindo a conexión de vehículos e peóns co barrio de Marzán”, engade o rexedor municipal, quen especifica que “o primeiro lote de melloras que se executarán inclúe a pavimentación con aglomerado en quente das rúas Fiallega e do Cemiterio, co cal quedará renovado no seu conxunto o viario entre o centro da vila e a estrada ao Bispo Santo, titularidade da Deputación de Lugo. Ademais, está previsto realizar unha reorganización de tráfico nestas dúas rúas e delimitar unha senda peonil específica na rúa do Cemiterio, de xeito que unha persoa poda camiñar sen dificultades e con seguridade entre a Residencia e Centro de Día de Foz e a rúa Álvaro Cunqueiro. Esta senda levará separadores de carril tipo gota para delimitar o paso peonil do tráfico rodado e, xunto a unha mellora da iluminación do vial, permitirá un acceso peonil seguro entre o barrio de Marzán e o centro de Foz, cun recorrido moito máis curto que pola Avenida de Viveiro”.

Cajoto especifica tamén que “unha mellora de distinta índole que se incluíu no prego e que tamén será executada é un miradoiro a carón das letras de Foz. Cunhas dimensións de 7 por 4 metros permitirá poñer en valor unhas vistas sobre a ría de Foz que son autenticamente espectaculares. Desde o Pico do Castro podemos divisar unha imaxe impresionante da ría de Foz e non só iso: a vista amplíase ao leste e podemos distinguir todo o Golfo do Masma ata Tapia. Un miradoiro case descoñecido e que temos ben preto do casco urbano”.

As obras teñen un prazo de execución de oito meses, dadas as dimensións do proxecto. “Agora hai trámites que facer, formalizar a adxudicación e que a empresa adxudicataria presente o Plan de Seguridade e Saúde. Agardamos que comecen as obras antes da primavera. Durante a execución das obras faranse desvíos de tráfico en función do traballo a realizar, procurando que o vial estea pechado o menor tempo posible e garantindo o acceso de veciñas e veciños ás súas vivendas. As obras son molestas, pero o resultado paga a pena. Polas beirarrúas do cemiterio lévase agardando máis de 30 anos”, remata o alcalde.