Skip to main content
Cultura AMARIÑAXARibadeo

Comisión de festas de Ribadeo: “Esperamos estar á altura da confianza que nos están a amosar os veciños”

Por 16 Xaneiro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Cinco mozos ribadenses asumen con moita ilusión a comisión de festas, onde atoparán importantes retos por mor da situación sanitaria

Por Ana Somoza López.

A Comisión de festas de Ribadeo conta cun novo equipo.

Si, á fronte atopámonos Ernesto Cruzado como tesoureiro, Ana Rico é a secretaria, Antía Vázquez Andrés Boada son vogais, e eu Martín Graña son o presidente. Somos xente nova de entre 22 e 26 anos.

Como comezou a comisión de festas?

Comezou como unha conversa de bar a finais deste verán. As mellores cousas e ideas sempre xorden nos bares, e pouco a pouco foise facendo máis serio, puxémonos en contacto cos membros saíntes da comisión e despois de moito falar chegamos ate este momento.

Porque se decidiron a formala?

En primeiro lugar porque sabíamos que a anterior comisión o deixaba e dábanos moita pena pensar que en Ribadeo non houbera unhas festas da patroa. En segundo lugar porque queríamos amosar que a xente nova tamén é capaz de tomar responsabilidades e facerse cargo de cousas que, maioritariamente, non soen levar eles. E por último porque, como todo o mundo, sempre tiñamos comentarios en canto a organización xa que desde fora vese moi fácil e queríamos poder falar con coñecemento de causa.

Contan con orzamento ou pola contra teñen que captar fondos?

Contamos cunha axuda importante do Concello de Ribadeo e esperamos tamén o apoio doutras administracións. O resto será axuda dos veciños e veciñas de Ribadeo e da comarca a través da venda de lotería, cestas, donativos e outras actividades que temos pensadas para conseguir fondos.

Cales son os obxetivos da comisión?

Tendo en conta a pandemia da covid-19, aínda non superada, queremos intentar darlle a Ribadeo unhas festas dignas e a altura do que o pobo se merece despois de dous anos sen festexos.

Teñen algunha idea, festa, etc na mente? 

 As ideas, por sorte, están saíndo a sacos. De todas formas as propostas que fagamos teñen que ser factibles, serias, divertidas e útiles. Polo que aínda non podemos anunciar nada concreto, máis alá da venda de lotería de Nadal e o Neno e o sorteo dunha cesta doada por Gadis Ribadeo. Aínda así esperamos un 2022 de varias actividades se as ideas que temos chegan a bo porto.

Como recibiron os veciños á nova comisión?

O recibimento foi espectacular, a xente respondeu desde o primeiro momento. E estamos moi contentos con como nos están tratando os veciños de Ribadeo por iso esperamos estar á altura da confianza que nos están a amosar.

Como cren que serán as festas do 2022?

As festas do 2022 serán como nos permita a covid. Nos estaremos preparados para as festas que poidamos facer e que nos permita a situación sanitaria.

Lembran algunha festa ou algún acto con especial agarimo?

Para as pícaros e pícaros de Ribadeo as festas sempre eran as primeiras veces que os pais nos deixaban andar sos. As primeiras voltas na ranita, pasar aos coches de choque “para maiores” ou baixar cos amigos ver a traca do sete.

Falando de actos, cal cren que é a tarefa máis complicada e a máis fácil?

En canto a dificultade, de momento, todo nos parece complicado pola inexperiencia que temos. De todas formas temos confianza en que con traballo e gañas todo acabará saíndo o mellor posible.

Como é a coordinación entre concellería de festas ou o Concello e a comisión?

A coordinación está sendo moi boa. O Concello de Ribadeo transmitiunos en todo momento a vontade de axudarnos no que necesitemos e depositou en nós toda a confianza posible. A Xunta tamén amosou boa disposición para ir axudándonos coas actividades que decidamos desenvolver.