Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo inicia a segunda campaña de esterilización das colonias de gatos das rúas

Por 17 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Ribadeo inicia a segunda campaña de esterilización das colonias de gatos que viven na rúa en varias zonas do municipio. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explica que “o que pretendemos é ter controladas esas colonias para proceder á marcaxe dos animais, esterilización e control sanitario. A identificación realizarase a nome do Concello, que é a quen lle compete a vixilancia e o control sanitario destas poboacións felinas”.  

O edil ribadense indica que “o Concello asumirá os gastos económicos derivados desas xestións e tamén proporcionará a alimentación necesaria, dentro das posibilidades orzamentarias coas que contemos cada ano”.

Díaz Freije lembrou que “o ano pasado na primeira campaña realizada polo Concello de Ribadeo esterilizamos a 30 gatas e gatos, traballo para o que contamos coa colaboración das clínicas veterinarias Occidente e Ánima Mundi”.

O concelleiro de Medio Ambiente subliña que “o venres pasado mantivemos un encontro no Concello coas voluntarios e voluntarios que están a coidar das colonias felinas que temos localizadas en Recarey, Deputación, praza de abastos, aparcamento municipal, Muralla, Calvo Sotelo, Cabanela e Os Galos. Todas estas persoas contan cunha autorización municipal para poder darlles de comer a estes gatos e gatas. Farano, na medida do posible, en lugares que non obstaculicen o tránsito rodado e/ou peonil ou en zonas verdes, tal e como o está a ocorrer ata o momento”.

Jorge Díaz engadiu que “tamén fixemos entrega dos primeiros sacos de penso para axudarlles a estas persoas voluntarias coa alimentación dos animais, xa que ata o de agora eran elas mesmas as que a estaban a costear. Hai que dicir que nalgunhas zonas tamén contaban coa axuda de locais hostaleiros e de veciñas e veciños anónimos preocupados polas colonias de gatos que viven nas rúas de Ribadeo”.