Skip to main content
Ribadeo

O PP ribadense acusa ao alcalde de vetar á corporación á reunión con Sanidade

Por 20 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Os populares acusan ao alcalde de actuar con falta de talante democrático e sectarismo puro na reunión mantida coa Sanidade en relación con centro de saúde.

“O goberno de Ribadeo, o BNG, deixou de novo claro o seu sectarismo ao fío da reunión con Sanidade”, di o portavoz popular, Daniel Vega, indica que “a reunión celebrouse na Xunta de Galicia a petición da Consellería de Sanidade, que pedía que fora con toda a corporación municipal, pero o BNG, concretamente o alcalde,  vetou que asistiran os portavoces da oposición, tanto do grupo socialista como do popular”.

Vega sinala: “Este veto di moi ben como son no BNG: moi pouco democráticos e moi sectarios. En todo caso, para nós  iso é realmente igual; o que importa é que esta reunión celebrouse  e que se aportaran os terreos necesarios para construír o novo centro de saúde”. O portavoz popular lembra: “Nós, cando anunciamos que a Xunta ía construír un novo centro de saúde, xa pediamos terreos. Temos que recordar cal era a postura do BNG, do alcalde, que era que se amañase o actual  centro de saúde, porque ben chega. Tamén se dixo polo goberno, polo BNG, que non había terreos para construír un novo centro de saúde”. 

“Agora hai terreos, como diciamos nós. Por iso, xa hai tempo aportamos varias posibilidades, e destacabamos unha delas: a antiga estación de tren, porque está céntrica e próxima a autovía”, explica o portavoz de Ribadeo. 

Os populares din: “O que queremos todos é o novo centro de saúde e incrementar a carteira de servizos sanitarios, incorporar ao 061 dentro do espazo do centro de saúde e así chegar máis rapidamente ao hospital de A Mariña”. Vega engade: “Iso é o que queremos todos: un novo centro de saúde. Agora o que pedimos é que rapidamente se busque a mellor ubicación  para construír o centro de saúde que demanda Ribadeo, que quere Ribadeo e que necesitamos todos os veciños de Ribadeo”.