Skip to main content
Ribadeo

Teatro, danza, música e presentacións de libros para a axenda cultural ribadense

Por 28 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Paula Carballeira, Ugía Pedreira, Miss Raisa ou Iago Alonso pasarán por Ribadeo ata o vindeiro mes de marzo

Presentacións de libros, teatro, danza, música, actividades do Apego, do Concello cos coles e Cultura nas Parroquias conforman a axenda ata marzo do Concello de Ribadeo.

O edil de cultura ribadense, Pilar Otero Cabarcos, explicou que “comezamos coa mención de dúas presentacións de libros na sala que se habilita para este fin no segundo andar da Casa do Viejo Pancho. Hoxe mesmo Pablo Trabadelo (nado na Veiga en 1991) presenta o seu poemario Jaloffein e o vindeiro 11 de febreiro, tamén venres, Roberto Mera trae Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos exiliados republicanos, arredor dunha figura que xa se vén chamando o Schindler galego”.

Otero Cabarcos contou que “tamén esta fin de semana comeza a programación do Apego, o proxecto de ámbito galego que pula pola transmisión do galego aos nosos nenos e nenas e do que forma parte o noso Concello. Xa están esgotadas as prazas para o primeiro obradoiro, o das instalacións de xogo, que se celebrará mañá, sábado, e que ten como destinatarias as familias e meniños de 1 a 3 anos. Pero o vindeiro sábado, 5 de febreiro, a educadora María Novo falaralles ás familias e aos pequenos acerca dos minimundos, para unhas idades de 3 e 6 anos. As persoas interesadas teñen que apuntarse escribindo ao enderezo cultura@ribadeo.org”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “damos conta tamén dunha exposición, divulgativa e artística ao mesmo tempo, quizais das máis interesantes que temos acollido en Ribadeo ultimamente. Trátase do proxecto do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo chamado A memoria do son, comisariado por Luciano Pérez e que está centrado na reprodución de instrumentos musicais medievais. A maiores, a exposición conta cun audiovisual que recolle imaxes do Pórtico da Gloria e a gravación por parte da Coral Polifónica de Ribadeo da antífona do século XIII, que se converteu no documento máis antigo do noso arquivo municipal. A mostra forma parte tamén do conxunto de actividades, que baixo o lema O Concello cos coles, recibirá a visita de varios grupos do alumnado dos nosos centros de ensino”.

A edil ribadense dixo que “incluímos dentro da proposta cultural dous eventos ligados á conmemoración que a Área do CIM fai do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Trátase da a actuación da rapeira Miss Raisa e o espectáculo teatral Benquerer(se) da compañía Aldaolado”.

E engadiu: “á danza dedicámoslle toda unha fin de semana a través das propostas da compañía Lad Dance Company, da que forma parte o mariñán Iago Alonso. O ciclo está composto pola obra Caos, de danza contemporánea e por Iconic, de danza urbana. A maiores haberá tres obradoiros para o alumnado de danza da nosa Escola Municipal desas dúas disciplinas e a maiores de clásica”.

A axenda cultural ata marzo inclúe varias propostas teatrais: “canto ao teatro que forma parte da programación que se fai en colaboración co Agadic, temos dúas propostas moi interesantes. Por unha banda, o xa clásico-moderno, A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, que ademais da función para público xeral ofrecerá outra a través de O Concello cos coles para case 300 alumnos e alumnas. E pola outra, a meritoria versión que de A lúa vai encuberta fai a compañía A Quinta do Cuadrante, 2º Premio Manuel María de Proxectos Teatrais. No ciclo de Cultura nas parroquias, logo de ter este verán a Celso Sanmartín, recibimos agora outra grande contadora, Paula Carballeira que en dúas fins de semana estará nas parroquias de Ove, Vilaframil, Couxela e Covelas. E poñémoslle o ramo a este feixe de propostas con Ugía Pedreira, que actuará no auditorio municipal o 12 de marzo presentando o seu proxecto Segmento Cantábrico”