Skip to main content
Viveiro

35 veciños viveirenses anotados no proxecto Camiñando Xuntos

Por 23 Xaneiro, 2022Xaneiro 24th, 2022Sin comentarios

Camiñando Xuntos é o nome dunha iniciativa organizada por diferentes parroquias da provincia de Lugo co obxectivo de percorrer o Camiño Primitivo ao longo de cinco etapas.

Dende distintos municipios lucenses formáronse grupos para participar nesta andaina. No caso do Concello de Viveiro, son un total de 35 veciños e veciñas os que se apuntaron a esta iniciativa para realizar o Camiño de Santiago por etapas.

No grupo de Viveiro, que se encarga de organizar Inma Nespeira, destaca a participación de Dolores Barro Alonso que, con 90 anos, é a persoa de maior idade das que participan nesta iniciativa a nivel provincial. Esta veciña de Viveiro, que o 23 de febreiro cumpre 91 anos, adoita camiñar uns cinco ou seis quilómetros diarios, sendo un exemplo de vitalidade a seguir.

O Concello de Viveiro colabora con esta actividade entregando a cada un dos participantes do grupo de Viveiro unha mochila co símbolo do Camiño de Santiago e un chuvasqueiro. Ademais, agradece tamén a colaboración do establecemento Piti Deportes. A alcaldesa, María Loureiro, estivo hoxe co grupo participante ás 07:30 horas antes de comezar a andaina.

Con esta colaboración, igual que sempre se vén a facer con este tipo de iniciativas, o goberno municipal quere contribuír á organización e desenvolvemento de actividades nas que se promove o deporte ou a cultura, entre outros moitos valores.

Os buses chegados dende diferentes lugares da provincia de Lugo iniciaron hoxe, 22 de xaneiro, o percorrido do Camiño Primitivo, realizando a súa primeira etapa, de 18 quilómetros, entre Lugo e San Román da Retorta. As seguintes andainas están programadas para os días 12 de febreiro, 19 de marzo, 16 de abril e 14 de maio de 2022.