Skip to main content
Viveiro

Viveiro quere ser Itinerario Cultural do Consello de Europa

Por 25 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que forma parte o Concello de Viveiro, completou diferentes iniciativas encamiñadas á ser nomeada Itinerario Cultural do Consello de Europa.

Esta rede está participada polo Concello de Viveiro e pola súa Semana Santa, representada na Xunta de Cofradías polas súas tres irmandades, catro cofradías e a venerable Orde Terceira franciscana. 

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, formada por municipios de todo o continente, ten por obxectivo promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionada coas celebración da Semana Santa e Pascua.

Deste modo, na Feira Internacional de Turismo FITUR a Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua presentaba a súa candidatura como Itinerario Cultural Europeo. Un recoñecemento que lle permitirá posicionarse como un atractivo cultural de recoñecido valor en toda Europa. 

Doutra banda, a organización tamén participou no I Encontro de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, no Ministerio de Cultura e Deporte. O encontro foi un foro de traballo dos diferentes itinerarios culturais e contou coa participación da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua como proxecto candidato. 

A resolución de dita candidatura coñecerase ao longo deste ano. A certificación como Itinerario Cultural do Consello de Europa supón unha garantía de excelencia, valorando aspectos como os intercambios culturais, o desenvolvemento cultural, a cooperación ou o turismo cultural. 

Os Itinerarios Culturais Europeos, impulsados polo Consello de Europa en 1987, son unha invitación a  viaxar e descubrir o rico e diverso patrimonio de Europa, unindo a persoas e lugares en redes de historia e patrimonio compartidos. 

Deste modo, a rede da que o Concello de Viveiro é partícipe, avanza para lograr este recoñecemento, propiciando o turismo na contorna e a promoción da Semana Santa de Viveiro.