Skip to main content
Axenda LUGOXALugo

O CB Breogán axudará a visibilizar a labor da Protectora de Animais e Plantas de Lugo

Por 14 xaneiro, 2022xaneiro 15th, 2022Sin comentarios

O enfrontamento do vindeiro domingo, 16 de xaneiro, entre o CB Breogán e o Joventut, ás 12.30 horas será o responsable de visibilizar a labor da Protectora de Animais e Plantas de Lugo. A iniciativa presentouse no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o presidente da Protectora, Alberto Losada, e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz.

Ao inicio do encontro, a entidade lucense dará a coñecer a súa labor, centrada na protección dos animais de compañía, nas entradas do Pazo dos Deportes. Tamén levarán ata alí algúns dos cans que atenden á espera dunha adopción ou acollida.

Desde o CB Breogán, reforzarase a visibilización da asociación a través de distintos contidos nas redes sociais durante a fin de semana e, a vindeira semana, xogadores e persoal técnico do club visitarán as instalacións, situadas en Muxa.

O presidente da Protectora, Alberto Losada, agradeceu a colaboración do CB Breogán e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo nesta iniciativa que valorou como “unha das maiores oportunidades que tiveron ata o momento para visibilizar a súa actividade”.

Efrén Castro sinalou que “o interese das entidades do ámbito social en participar nestas iniciativas e vincular o seu nome ao do CB Breogán é unha mostra da onda de simpatía que o club esperta non só en Lugo senón en toda Galicia”.

“Estamos convencidos de que esta percepción e este posicionamento do CB Breogán axudará a reforzar esa sensibilidade e a concienciar sobre a responsabilidade que implica ter un animal de compañía e, desde logo, estamos orgullosos de ter este mecanismo de colaboración para aproveitar
a relevancia social do deporte en positivo”, indicou.

Nesta mensaxe incidiu o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, que reiterou o compromiso do club coa sociedade lucense e que louvou a actividade da Protectora lucense.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.