Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Por ser unha cidade cultural

Por 10 Xaneiro, 2022Marzo 11th, 2022Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo

Neste tempo de pandemia, e sobre todo cando se podía saír da casa pero con algunhas restriccións á mobilidade, non cheguei a aburrirme, senón todo o contrario, xa que desfrutei moitísimo pasando unha morea de sábados pola tarde no cine, unha das miñas afeccións favoritas.

Considerei que era (e é) unha forma segura de pasar o tempo. Ademáis, temos a sorte de que en Lugo a maioría das salas son accesibles, por exemplo, pódese acceder sen problema aos cines Cristal e, por se queredes ver películas de autor, están os Códex.

Tamén se pode ir ao teatro xa que o Auditorio Gustavo Freire carece de barreiras arquitectónicas, así como tamén son accesibles pequenas salas coma a de Hipócrita Teatro, ubicada na escola de artes escénicas Ítaca.

E se falo de cine e de teatro, estoume refirindo a “consumir” cultura. A cultura, ese fenómeno social fundamental para o noso desenvolvemento persoal, pero que vai moito máis aló da nosa contorna xa que chegamos a compartila cunha colectividade máis grande e que, se ben podemos desfrutar individualmente, fainos partícipes coma membros desa comunidade.

E hai que dicilo, tanto o deporte como a cultura en Lugo están moi ligados á cidade.  Deixando para outra ocasión o deporte, neste artigo estou a refirirme á nosa cultura que, aínda que ten unha orixe máis ou menos local, pero cando se proxecta cara fóra, se fai universal. Temos claros exemplos nos artistas que, recentemente, nos deixaron: Paco Pestana, Darío Xohán Cabana ou Víctor Corral.  Un recordo na súa honra para todos eles.

E así, nas festas patronais do San Froilán, para divertir tanto aos lucenses coma aos turistas, visítannos cada ano Pelúdez e familia (con Filomena incluída), personaxes míticos da nosa cidade, interpretados por actores de Achádego teatro e que fan gala de toda a sorna que hai en Lugo e provincia. 

No Arde Lucus, a xente, propia e allea, non se disfraza, senón que se caracteriza para retroceder case dous mil anos e revivir a época romana da cidade, sendo espectadores dunha serie de espectáculos lúdicos e dramatúrxicos.

O 16 de decembro tivo lugar a estrea de ‘Formigas no peto’ no Auditorio Gustavo Freire.  Nesta peza teatral, o actor Carlos Rebolo de Ítaca teatro, facendo gala do seu gran sentido de humor, fala de pequnos anacos da súa biografía persoal que se misturan coa historia cotidiá dun barrio popular de Lugo: a Milagrosa.

Todo isto pode ser unha das maneiras que atopamos para darnos a coñecer; de reflectir a idiosincrasia da cidade, de amosar a súa esencia ao resto do mundo. 

Quizais sexa a maneira que temos de superar ese “illamento” xeopolítico ao que sempre estivo sometida esta cidade ao longo da súa historia.

Segura e accesible é a cultura en Lugo. Desfrutala en igualdade de condicións é unha realidade na nosa cidade.