Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Conversas con Jon Fano, do Movemento de Pensionistas Vasco

Por 10 Xaneiro, 2022Xaneiro 11th, 2022Sin comentarios

Por Raúl Río

O Movemento de Pensionistas de Euskal Herria (MPEH/ EHPM) é un dos mais activos de todo o Estado español, tanto en actividades como en reivindicacións, polo que tiña ganas de contarlle algo aos lectores, sobre esta organización da que tamén formo parte. Para elo conversei con Jon Fano, un dos dirixentes mais activos e que mellor coñece o tema.

Contounos que o seu nacemento ven do descontento que provocou cando o goberno de Zapatero non subiu un ano as pensións e despois o PP aplicounos un 0,25% de subida e revalorización. Foi entón, o 15 de xaneiro de xa fai catro anos, cando os pensionistas, espontaneamente saímos á rúa todos os luns, para reivindicar unhas pensións públicas dignas, con unhas revalorizacións mínimas igual ao IPC. Pero, ademais, vendo que hai no País vasco e no resto do Estado centenares de millóns de persoas, principalmente mulleres, que perciben pensións mínimas moi por debaixo de 1080 euros, reivindicamos esta cantidade como tope mínimo. Porque o Movemento de Pensionistas Vasco non so loita polo IPC, senón que planea tamén outras medidas para garantir un sistema de pensións publicas de carácter universal; mellorar os salarios para que as cotizacións aumenten; acabar coa temporalidade que ataca e machuca ás mais novas; acabar coas horas extras ilegais, que non se cotiza por elas; des topar as cotizacións máximas, etc.

Pola mesma lóxica di que é fundamental establecer un salario mínimo interprofesional de 1200 euros mensuais en 14 pagas, que, tanto os 1080 de pensión mínima, como o SMI correspóndense coa aplicación da Carta Social Europea, que por certo, foi asumida e comprometida polo goberno de coalición cando acordaron o programa co que ían actuar nesta lexislatura.

Asegura que unha das plataformas, maioritaria dentro do Movemento, e que se implicou a fondo no impulso das primeiras mobilizacións, foi Gaurgeroa, que está conformada por  Pentsionistak Martxan en Bizkaia e en Nafarroa, Duintasuna Elkartea en Gipuzkoa e Arabako Pensionistak Lanean en Araba.

Gaurgeroa é quen vertebra este Movemento, que agrupa a outros pensionistas e outras plataformas existentes no País Vasco. Dentro desta organización hai -ideoloxicamente falando- un sector maioritario que considera que este país, Euskal Herria, ten dereito á súa soberanía e entre outras cousas a dispor dun sistema público e propio de pensións, pero iso non significa que no conxunto do grupo, todos e todas as pensionistas asuman este proxecto. Polo tanto, como denominador común, unitario e plural esta esixencia non está planeada como tal. O que temos en común é que ás institucións públicas hai que esixirlles un sistema público de pensións dignas.

Jon Fano considera que nestes momentos atopámonos nunha situación un pouco complicada, pois foi aprobado xa o proxecto de lei da reforma das pensións, que supón un recorte grave, pois este ano, 2021, vannos aplicar un novo IPC que reduce a menos da metade o IPC acumulado histórico, que se veu utilizando sempre para a actualización das pensións e tamén para os convenios colectivos de empresa, sectoriais e demais. Esta lei que se vai aplicar, non so constitúe un recorte este ano -e para toda a vida- do 3%, e non constitúe ningún avance para ir mellorando as pensións mínimas, co que vai haber millóns de persoas, sobre todo mulleres, que non van coñecer minimamente unha mellora substantiva das súas pensións e, ademais, esta primeira parte vai ter continuidade nunha segunda reforma que se pretende levar a cabo no próximo semestre, onde se conteñen medidas aínda mais gravosas, non tanto para os pensionistas actuais como para as futuras e inmediatas xeracións de pensionistas.

Unha e outra vez temos que destacar que son sobre todo as mulleres pensionistas, viúvas ou non, quen mais están sufrindo esta situación e un goberno que se di progresista, na vez de axudar a recortar a brecha de xénero que hai en pensións, en salarios e en dereitos sociais, non fai senón perpetuar esta brecha en todos os terreos.

¿Cal é a nosa resposta a esta situación? Preocúpanos moito que a maioría das forzas progresistas de esquerda do Estado Español deran o seu apoio a isto, anque hai que recoñecer que no noso caso, EH Bildu, presentou distintas emendas e abstívose na votación. Pero o peso simbólico que ten este apoio, no que se vai apoiar o goberno de coalición para levar adiante as súas medidas, crea complicacións no conxunto do Estado e tamén en Euskal Herria.

Por elo estamos explicando nas prazas, nos pobos e nas manifestacións, os argumentos polos que consideramos que se trata dunha reforma que consolida recortes anteriores, non mellora nada a situación; fai permanecer todos os problemas no estado que xa estaban e por tanto, a pesar destas dificultades, non hai ningún titubeo para continuar coas mobilizacións, esixindo unhas pensións dignas, unha pensión mínima de 1080 euros, mobilizándonos constantemente cos traballadores e traballadoras para responder, tanto nas pensións como nas medidas laborais que están sufrindo os traballadores; estámolo facendo tamén coas asociacións de familiares de residentes, porque ao que estamos asistindo é a un proceso de privatización dos sistemas de saúde, sobre todo socio-sanitarios que afectan dun modo fundamental, porque son servizos en boa parte dirixidos a persoas maiores, das que nosoutros e nosoutras formamos parte, aspirando a que a vida das persoas maiores, tanto no que fai referencia ás pensións como ás súas condicións de vida, saúde e dereitos sociais que son fundamentais, polo que seguiremos esixindo, tanto ao goberno do Estado como aos autonómicos, que respondan a estas necesidades.