Skip to main content
Lugo

Lugo… Non perdas o Tren solicitará a Feijoo “que pida para Lugo o cambio de ancho de vía”

Por 28 Xaneiro, 2022Xaneiro 29th, 2022Sin comentarios

A Plataforma Plataforma “Lugo… Non perdas o Tren” non se resigna a unha provincia sen infraestruturas ferroviarias. Así se puxo de manifesto na reunión mantida na sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) polos seus responsables e representantes de diferentes entidades empresariais, que con este encontro buscaban revitalizar o coñecemento público das súas demandas e emprender novas liñas de acción conxunta.

Concretamente, o encontro foi presidido por Jesús Vázquez Varela, presidente da Plataforma e da Federación de Asociacións Vecinais “Lucus Augusti”, entidade impulsora da mesma, e por Eduardo Valín Fernández, conselleiro delegado da CEL, organización empresarial lucense vencellada tamén a este colectivo dende o primeiro momento.

Pola parte empresarial tamén estiveron presentes Luis Abelleira, presidente da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles (APREVAR); José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio; Jose Francisco Real Castro, presidente da Asociación Provincial de Hostalaría e Jorge Somoza, tesoureiro da CEL.

Asistiron, asemade, por parte da Plataforma “Lugo… Non perdas o tren”, o seu secretario, Luis Abel Fernández, e José Manuel Carballo Vázquez, coordinador, así como Fernando Rois Rois, vicepresidente e portavoz de “Lucus Augusti” e o presidente da Confederación Gallega de Asociaciones Vecinales “Rosalía de Castro” – CoGaVe; así como César García Cordovilla, Enxeñeiro Ex Xefe de Planificación, Proxectos e Obras de Fomento en Lugo.

Revitalización demandas

Dende a CEL destacouse a utilidade da Plataforma como punto de encontro e unión dos colectivos cidadás e empresarias da provincia -en palabras de Eduardo Valín, “o que é bo para os cidadás, é bo para os empresarios e viceversa”-, así como a necesidade de trasladar de forma clara aos responsables políticos cales son as prioridades en materia de infraestruturas ferroviarias da nosa provincia para acordar prioridades e acadar compromisos claros ao respeto”.

Neste senso, dende a CEL destácase e agradécese a inversión prevista para a electrificación da vía Lugo – Monforte de Lemos, sinalando que se trata dunha inversión histórica no tren por parte do Estado, pero que “non é suficiente” porque Lugo “segue a ser a única capital de provincia en Galicia sen conexión coa alta velocidade”, o é “vital tela tanto para os cidadáns como para o futuro das empresas da provincia”, en palabras de Eduardo Valín.

O presidente da Plataforma, Jesús Vázquez, destacou pola súa banda a actual falta de servizos ferroviarios en Lugo, a necesidade de recuperar liñas e frecuencias para artellar a provincia e acadar unha axeitada conexión co resto do país.

Tanto os representantes empresariais como veciñais coinciden en que tamén é básico en Lugo en materia de ferrocarril é “executar canto antes a conexión ferroviaria Monforte – Lugo – A Coruña con el Corredor Atlántico para garantir a saída dos nosos produtos e, por suposto, a vertebración de todo o Norte provincial vía autovía cara Ferrolterra e a modernización das liñas FEVE nesta zona para o transporte de mercadorías e viaxeiros”.

Sinalan que a interconexión ferroviaria Santiago – Lugo – A Mariña” e “Lugo – A Coruña” en tempos competitivos “tamén debería acadarse pronto”, así como axilizar a “posta en servizo da Estación Intermodal de Lugo”.

De xeito máis concreto, tras o encontro mantido a Plataforma retomará a partir de agora os contactos cos Concellos para que se sumen ó colectivo (a gran maioría xa manifestaron apoio expreso, pero faltan uns vinte cos que se contactará de novo); contactará con Deputados e Senadores pola provincia para coñecer o traballo que cada un deles desenvolve en pro do tren de Lugo ou solicitará entrevistas persoais coa Secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que lle demandan “que pida para Lugo o cambio de ancho de vía que está pedindo para Santiago”.

A maiores, solicitarán tamén a creación do ente “Tren Galego” para a mellora do tren métrico, entroutras accións.