Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXACultura AMARIÑAXA

Entrevista: “Hai que ter un sistema de produción local con condicións boas de vida e coidadosa co medio”

Por 2 Xaneiro, 2022Novembro 29th, 2022Sin comentarios

Falamos con Isabel Vilalba Seivane, reelixada ata 2024 secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego, e que carga contra a aprobación da nova lei estatal de cadea alimentaria

Foi relexida novamente como secretaria xeral do SLG. Como recibe esta renovación?

É unha honra traballar nun colectivo no que cres e que sintes o apoio da xente. Levo nel dende o 2012. Afronto esta renovación nun contexto de moita preocupación e con moitos retos e moi importantes, como a ameaza das subas de costes ou do cambio climático, que parece que está moi lonxe pero non. De feito xente que estaba no congreso que fixemos, como produtores e agricultores dixeron que están a notar un incremento nas pragas que antes non había, danos meteorolóxicos moi fortes que as veces levaban as colleitas enteiras, entón temos retos moi importantes.

Como se atopa o agro galego?

É un momento de moita preocupación para os sectores gandeiros e agrarios cos que traballamos porque en xeral hai una suba moi importante de custos de produción e una ameaza de que neste novo ano que vén  eses custos como electricidade, alimentación, combustibles, fertilizantes, etc. van continuar nunha tendencia de subida.

Paralelamente temos uns prezos que se manteñen á baixa ou con mínimas variacións e isto coloca ao sector nunha grave tensión e nun grave momento de dificultade. Este é o marco actual, un marco de preocupación, de como se porán as medidas que nestes momentos necesita o sector.

Contan con alianzas de traballo?

Cremos moito nas alianzas porque parécenos que necesitamos de todo o tecido social e tamén do mundo urbano para apoiar as reivindicacións que nos defendemos. Neste sentido tivemos una ampla participación na última reunión e na que comentamos os nosos grandes parámetros de traballo.

Cal é un dos obxectivos máis importantes do SLG?

O primeiro é a renda digna para as persoas produtoras. As persoas produtoras necesitan rendas dignas e o modelo de produción ten que ir encamiñado para producir alimentos saudables para o conxunto da sociedade, non so un modelo que produza produtos ecolóxicos e de alta calidade para unha elite. Por outra banda parécenos unha gran irresponsabilidade seguir destruíndo aquí alimentos e pensar que despois veñan dende miles de quilómetros sobre todo co escenario que estamos vendo.

E o segundo?

Outro punto é que nos enganamos se pensamos que somos alleos a esta tendencia global que hai de encarecemento, por exemplo nos combustibles fósiles xa que todo nos está a indicar que nun futuro serán máis caros ou menos dispoñible se moito do noso sistema de produción e alimentario tanto para os animais como para as persoas veñen de moitos quilómetros ou doutra parte do mundo.

Por iso cremos que hai qué cambiar o modelo para facelo moito máis autónomo e que non poña en perigo á sociedade no sentido de que nun momento dado os alimentos non cheguen ou se o fan serán carísimos, e non falo so dos humanos senón tamén para os animais.

E coa nova Lei da cadea alimentaria?

O Ministerio de Agricultura aprobou unha modificación da e nos seguimos pensando que lle faltan ferramentas para que sexa real. É dicir, se esa Lei pon que está prohibido vender por debaixo dos custo non deixa de ser un titular se non se poñen as ferramentas como os índices oficiais de custos de produción ou un sistema de mediación de contratos para que as condicións e os prezos non sexan abusivos. Hoxe se a xente está recibindo prezos abusivos nas súas granxas non hai ningún sistema legal de mediación que actúe para rematar con ese abuso ou resarcilo. Isto é unha preocupación importante e pensamos que a Xunta e o Ministerio non poden seguir botando balóns fóra.

Tamén falan dos alimentos saudables, non?

Outro dos nosos obxectivos está en ter un sistema de produción de alimentos saudables que cheguen a totalidade da poboación, e que eses alimentos se produzan aquí de maneira principal e que detrás haxa unas condicións boas de vida para as persoas produtoras e tamén que esta actividade sexa coidadosa co medio, que coide a paisaxe, que faga que a terra estea viva e sen contaminación e que poidamos transmitila as vindeiras xeracións.

Entendo que apoian e valoran o comercio local.

Nos pensamos que unha vía moi importante é que as persoas produtoras poidan chegar o máis directamente posible aos consumidores, por iso a venda directa nos mercados ou a venda pública son maneiras para que poidan desenvolver esa parte. Así na venda pública podrían estar os seus produtos nos hospitais e nos comedores escolares que son vías de apoio importantes. Pero tamén necesitamos un cambio no marco pois moitas normas hixiénico sanitarias están feitas a medida das grandes industrias. Por exemplo, ti se produces polo en ecolóxico ti non tes salas de despece ou matadoiros que che permitan comercializar eses polos directamente aos consumidores. Por iso necesitamos un marco como a que hai noutros países para que eses produtos de alta calidade se poidan comercializar e que ese marco este adaptado aos pequenos produtores.

Polo tanto falta vontade política?

Claro, hoxe por hoxe vemos en todo o territorio proxectos moi interesantes de producións e de produtos de moi boa calidade, pero se as políticas van totalmente na dirección contraria de pouco serve esa axuda… Por exemplo no caso da mocidade, a xente nova que se instala no rural ten unha burocracia incrible. Coñezo un caso en Lourenzá dun proxecto de horta moi ben feito e moi sólido no que estaban unhas persoas moi traballadoras, pois negáronlles a axuda de incorporación porque tiñan unha factura cuns ingresos mínimos de agrarios. E despois cando se dirixiron a oficina pertinente para falar con eles e poder solucionar ese problema mareáronlles dunha oficina a outra, e así foi que abandonaron o proxecto. E isto é o que non pode ser.

Entón necesítanse máis axudas?

Por suposto. A realidade é que non hai un programa de axuda á vivenda no rural e tal é así que fomos perdendo o 40% da superficie agrícola útil nos últimos 40 anos. Pero non hai un programa para axudar á xente a instalarase e facilitarlle tamén o acceso á terra ademais de atoparse con dificultades para vender os seus produtos, etc.

A PAC basease en dereitos históricos, pero á xente nova ou non recibe pagos ou nunha cantidade moi pequena ou moito menor que a media do seu sector. Así temos un balance tremendamente negativo onde desaparecen moitas máis granxas e son mínimas as incorporacións de xente que colla o relevo.

Outro dos temas principais son os eólicos, porque prexudican tanto ao agro?

Nós pensamos que é unha gran eiva ter tan pouca superficie agrícola útil, neste momento pouco pasamos do 20% cando en moitos países europeos xa pasan do 50%. Pero hai un problema importantísimo que é como afecta á xente pois están poñendo aeroxeradores de 200 metros moi preto das vivendas.

Como é posible?

Porque traballan cunha normativa dos anos 90 onde os aeroxeradores eran de 50 ou 70 metros e están a aplicar a mesma normativa pero con estes muíños eólicos que triplican esa altura.

Ademais son un lastre paisaxístico e ambiental, non?

Si, afectan ao valor paisaxístico, ao turismo que busca tranquilidade, aos bens inmobles, aos veciños, etc, necesitamos outro modelo enerxético que non destrúa todo. Hai moitos proxectos é non se están a facer uns análises reais de calidade do seu impacto ambiental.

Cal é o problema do modelo enerxético eólico?

Este modelo enerxético é totalmente demencial, é dicir, nos temos máis potencia eólica instalada que consumo pero preténdese evacuar grandes cantidades desa enerxía e está en mans de empresas que nada teñen que ver co territorio. Aquí quedan os impactos pero non os beneficios e enchen o noso territorio de liñas de alta tensión.

Que leva implícito o lema Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro?

Este lema é unha das cuestións que sempre tivemos moi presentes. Está claro que a xente necesita alimentarse pero é importante tamén saber que tipo de alimentos lles chegan, se son alimentos de agriculturas totalmente industrializadas con gran cantidade de pesticidas, de antibióticos na cría de animais, con macro cebadeiros, con grandes impactos sobre a terra e a auga? Ou son alimentos feitos por un modelo sostible e coidadoso co medio e coa saúde das persoas e do planeta? Hai que ser moi conscientes xa que hoxe en día hai miles de mortes na Unión Europea por resistencias a antibióticos porque na cría industrial de animais úsanse dunha maneira moi importante e se os estamos inxerindo de maneira continuada fará que cada vez teñamos bacterias multiresistentes. Esto é un exemplo pero podería falar dos residuos de pesticidas ou de outras moitas cuestións que afectan á saúde. Entón eu creo que é moi importante pensar que a saúde ten unha relación directa coa alimentación e para iso ten que haber moitas persoas que non usen materias primas que acaben sendo prexudiciais para a saúde.

Por iso nos insistimos no lema pois o que nos venderon sempre  foi que canta máis poboación agrícola desaparecera máis moderna era a sociedade, e eu creo que iso é  unha equivocación, porque tamén ten que ver con ter menos emprego, menos riquezas rurais, peor calidade dos alimentos e modelos máis agresivos para o medio ambiente.