Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O 1 de febreiro iníciase o período de solicitude das axudas da PAC do 2022

Por 1 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Consello de Ministros aprobou o real decreto que modifica outros tres de decembro do 2014 sobre a aplicación da política agraria común e que adapta á normativa nacional outras actualizacións realizadas pola UE.

Estes cambios, como avanzou o Ministerio de Agricultura nun comunicado, permitirán que os agricultores e gandeiros españois poidan percibir máis de 7.425 millóns de euros en axudas no 2022, último exercicio de transición entre o anterior marco (2014-2020) e a entrada en vigor da nova PAC, o 1 de xaneiro de 2023.

Nos 7.425 millóns está incluído tanto o Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEGA), de onde veñen as axudas directas, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), de onde proceden as axudas do segundo piar. A campaña de solicitude das axudas iniciarase o 1 de febreiro.

Entre as principais modificacións que recolle esta norma está a definición de «coeficiente de admisibilidad de pastos» que permitirá que as comunidades autónomas poidan establecer na súa normativa un valor mínimo de coeficiente por baixo do que dita superficie non será subvencionable.

Tamén se modifican as axudas asociadas gandeiras. Neste sentido, aclara o procedemento de cómputo de animais elexibles para os que empecen a súa actividade, de tal maneira que a autoridade competente poida aplicar a «opción máis beneficiosa para estes solicitantes».

Tamén se permite que os consellos reguladores ou entidades acreditativas de denominacións de calidade para os legumes non teñan que remitir anualmente o NIF dos agricultores rexistrados ou en trámite de inscrición, nin a superficie rexistrada por cada un deles cando as autoridades competentes xa dispoñan desta información.

Cando comece o prazo de solicitude única, o FEGA dará publicidade ao catálogo de cultivos para que os agricultores poidan realizar correctamente a declaración.

SOLICITUDES

A norma europea permite que cada estado membro estableza os seus propios prazos de presentación de solicitude de axudas. Para marcar uns períodos comúns nacionais que garantan a igualdade de trato entre os agricultores ou gandeiros, desde Agricultura din que “se fixa o 30 de abril como data límite para a presentación de solicitude única, o 31 de maio para a modificación desta, e o 31 de agosto para a adaptación da solicitude naqueles casos nos que se comunicou ao solicitante algunha incidencia derivada dos controis preliminares ou dos controis por monitoraxe, así como retirar total ou parcialmente parcelas da súa solicitude”. Con todo, “as comunidades autónomas poderán ampliar a data límite de presentación da solicitude única no seu territorio máis aló do 30 de abril, previa comunicación ao FEGA. Tamén poderán ampliar a data límite de adaptación da solicitude única máis aló do 31 de agosto”.

PAGAMENTO DO 2021

A Consellería do Medio Rural pagou na provincia de Lugo 82 millóns de euros (82.242.223 euros) de achegas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2021-22, que benefician a preto de 10.900 agricultores e gandeiros lucenses.

O 87,6% do total (72 millóns de euros) corresponde a pagos directos financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), en concreto ás liñas correspondentes ao pago básico, pago verde -que atende a criterios de coidado ambiental-; axudas a explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de leite e os apoios para pequenos agricultores e para mozos que comecen a súa actividade.

O 12,3% restante pertence ás medidas de desenvolvemento rural que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). En concreto, distribuíronse na provincia de Lugo 10,1 millóns de euros en axudas asociadas a zonas con limitacións naturais -6,1 millóns para áreas de montaña e case 4 millóns pola submedida de zonas distintas de montaña-.

As axudas da PAC ingresadas en Lugo supoñen o 50,15% do total repartido en Galicia. En canto ao reparto por comarcas, o 25,6% dos abonos efectuados na provincia (algo máis de 21 millóns de euros) corresponden á Terra Chá, a onde pertence o Concello que sumou máis ingresos, o da Pastoriza, que xa recibiu 4,1 millóns de euros da PAC do 2021.

En segundo lugar está a comarca de Lugo, que asume o 17,7% da contía total (14,5 millóns de euros). Lugo é ademais o segundo municipio da provincia con máis axudas pagadas (case 3,8 millóns).

Pola súa banda, a área de Sarria ingresou 13 millóns de euros (o 15,8% dos pagos realizados) e o concello de Sarria é o terceiro lucense que máis cartos percibiu (preto de 3,7 millóns).

Así mesmo, a PAC inxectou 10,6 millóns de euros na Zona Sur (roza o 13% da provincia); 8,8 millóns nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares (o 10,7% do total); 6,8 na Mariña (8,2%); 3,9 millóns na Ulloa (4,8%) e case 3,3 millóns na área de Meira (4%).

Por último, seis concellos da provincia superan os 3 millóns de euros de ingresos da PAC pagada este ano. Así, á Pastoriza, Lugo e Sarria séguenlle Castro de Rei (3,3 millóns), Vilalba (3,1 millóns) e Guitiriz (algo máis de 3 millóns).