Skip to main content
Comarca LUGOXAMonterrosoOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Cambian os horarios de bus dos penais de Bonxe e Monterroso

Por 2 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Xunta mellora os servizos de autobús aos centros penais de Monterroso e de Bonxe para lograr unha mellor adecuación aos horarios de visita dos centros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, elaborou un estudo pioneiro en España co obxectivo dotar os cinco centros penais de Galicia -o penal de Teixeiro, o de Bonxe, o de Monterroso, o do Pereiro de Aguiar e o da Lama- de mellores servizos de autobús, incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas destes centros.

O cárcere lugués de Monterroso, concretamente, xa contaba con parada nos servizos de autobús que unen este municipio con Lugo, polo que a Xunta incrementou unha frecuencia máis con saída desde a cidade para dar maior cobertura aos desprazamentos nos horarios dos vis a vis do cárcere, pois a maioría das visitas proceden da capital da provincia.

Para aumentar os servizos en horarios adecuados ás quendas de visita do penal, a Xunta implantou un servizo de ida ás 10 da mañá de luns a domingo, que xa está en funcionamento. O centro penal de Monterroso conta con 25 servizos cada semana na súa conexión con Lugo.

De luns a venres, os usuarios dispoñen de tres servizos, dous de ida e outro de volta a Lugo ás 10,00, ás 15,40 e ás 20,45 horas, respectivamente. Mentres, os sábados e domingos a oferta inclúe dúas idas, con chegada ao centro ás 10,40 e ás 15,40 horas, e tres voltas, con saída ás 13,45, 18,00 e 20,45 horas. Esta distribución ao longo da xornada permite o acceso ás quendas de visita establecidas en distintos horarios desde a mañá ata o serán.

Ademais das visitas que teñen a súa orixe en Lugo, na actualidade existe demanda de usuarios que se desprazan desde Carballo, Lalín e Ourense. No caso de Lalín, contan cun servizo de ida, que chega ás 13,45 horas, e outro de volta, que sae ás 19,45 horas, de luns a domingo pola tarde.

As conexións en autobús con Ourense e Carballo son posibles a través de transbordos en Monterroso e na Coruña, ofrecendo tamén unha ida e unha volta de luns a domingo pola tarde nas mesmas franxas horarias que os servizos desde Lalín.

A Xunta contou neste proceso coa participación dos responsables do cárcere lugués, para recoller as súas peticións particulares e incorporalas ao plan de mellora.

O reforzo da oferta deseñado pola Xunta atendeu as demandas principais do centro penal de Monterroso, referidas a unha carencia de servizos pola mañá, en particular nas fins de semana, que concentran o 90% das visitas aos internos.

BONXE

No caso do cárcere de Bonxe, en Outeiro de Rei, a Xunta disporá novos servizos de autobús baixo demanda de conexión coas cidades da Coruña e de Lugo. 

Para prestar estes servizos modificaranse dúas liñas actuais, unha que enlaza as cidades da Coruña e Lugo e outra que conecta a capital da provincia coa Mariña ata Viveiro. En ambas as dúas, incorporarase unha parada baixo demanda nas inmediacións da prisión luguesa.

A parada no centro penal obrigará a facer un desvío de 7,6 quilómetros á altura de Outeiro de Rei, o que implica un pequeno incremento da duración das viaxes. Por este motivo, e para evita interferir coa prestación actual se non hai solicitudes de usuarios que se despracen á prisión, decidiuse que estes servizos de autobús se presten baixo demanda.

Coa implantación das modificacións nas liñas, o centro penal de Bonxe contará con 25 frecuencias á semana na súa conexión coa Coruña e outras 25 con Lugo. Nos dous casos, a oferta distribúese en 4 servizos ao día entre semana, con dúas idas e dúas voltas.

Nas fins de semana, desde A Coruña haberá 2 servizos de ida e 1 de volta os sábados e 1 servizo por sentido os domingos. Desde Lugo, funcionarán 2 expedicións de ida e 1 de volta sábados e domingos.

A Xunta contou neste proceso coa participación dos responsables do cárcere lugués, para recoller as súas peticións particulares e incorporalas ao plan de mellora. Así, tivéronse en conta as circunstancias específicas do centro Bonxe, que conta con pavillóns-vivenda no recinto, onde residen os familiares dos traballadores. Estes poderán beneficiarse da nova oferta de servizos sen ter que desprazarse ata Outeiro de Rei.

Por outra banda, os responsables do centro manifestaron a súa total flexibilidade para adecuar os horarios e días de visitas aos servizos de transporte público, ao teren coñecemento de que unha parte da demanda de visitas aos internos non dispoñía ata o momento de medios de transporte para acudir nas quendas actuais. Así, as modificacións deseñadas atenden as principais demandas de mobilidade do centro penal con Lugo e A Coruña, de onde proceden a maioría das visitas, sen alteracións significativas nos horarios actuais.

O pasado 16 de decembro a Xunta abordou estes reforzos cos responsables dos dous centros penitenciarios de Monterroso e de Bonxe. Se ben os novos servizos que benefician ao cárcere de Monterroso xa están implantados, os de Bonxe prevese que poidan empezar a funcionar en vindeiras semanas.