Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas

Por 15 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que convocan as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas neste ano 2022. Desta forma, o departamento que dirixe José González mantén o seu compromiso coa conservación destas razas, apostando pola súa protección e defensa.

A liña de achegas, que conta cun orzamento de 200.000 euros, ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega. 

As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo. 

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. 

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. 

Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220112/AnuncioG0426-231221-0004_gl.html