Skip to main content
ChantadaComarca LUGOXATaboada

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou novas actuacións na rede viaria da comarca de Lugo

Por 29 Xaneiro, 2022Xaneiro 30th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novas actuacións na rede viaria provincial para mellorar 70 quilómetros de catro estradas que discorren por 9 concellos da provincia cun investimento total que ascende a máis de 850.000€. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Unha das actuacións ás que se lle deu o visto bo este venres é o proxecto e a licitación das obras de rehabilitación da estrada LU-P-1809, que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla. O orzamento é de 214.000€ para renovar 20 quilómetros desta vía: dende o punto quilométrico 3,6 ao 23,8. O prazo de execución é de tres meses.

Tamén saíu adiante outro proxecto que afecta á comarca da Montaña. “Melloraremos practicamente a totalidade da estrada provincial LU-P-3505, a vía que une os municipios de Navia de Suarna e Cervantes por Vilaquinte e Donís. Actuaremos en 26 quilómetros cun investimento de 154.330€”, manifestou García Porto. O prazo de execución é tamén de tres meses.

Outro dos proxectos aprobado pola Xunta de Goberno deste venres foi a licitación para rexenerar o firme da estrada provincial LU-P-1906, tamén na Montaña. Esta vía comunica os concellos da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. O proxecto, dotado cun orzamento de máis de 114.000€, e afecta ós primeiros 14 quilómetros desta vía, que dá servizo aos núcleos de Pedrafitelas, Vilelas e Os Cangos. O prazo de execución é de tres meses.

A institución provincial actuará na estrada LU-P-2901, que comunica Lugo con Guntín. “Renovaremos o firme nun novo tramo de preto de 8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1, ao seu paso polo concello lucense”, explicou a Deputada. Estas obras saen a licitación por 370.000€ e o prazo de execución é de nove meses.