Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Anuncian unha liña de axudas para os 86 concellos galegos con reserva da biosfera

Por 31 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Xunta publicará proximamente unha liña de axudas, cun orzamento de 2,7 millóns de euros, dirixida aos 86 concellos que se atopan nunha das sete reservas de biosfera declaradas en Galicia.

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que participou esta semana nun webinario dirixido aos representantes municipais das 86 entidades locais, aos que convidou a solicitar as subvencións para levar a cabo actuacións que reforcen os valores polos que estes ámbitos foron declarados reservas de biosfera.

De feito, a conselleira salientou que o orzamento previsto para os concellos supón máis do 40% do orzamento total de fondos europeos reservado este ano á mellora deste espazos, que ascende a 6,4 millóns de euros.

As 86 administracións locais repártense entre as reservas de biosfera Terras do Miño (26); Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel (23 concellos); Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo (17); Río Eo, Oscos e Terras de Burón (7); Transfronteiriza Xurés-Gerês (6); Área de Allariz (4); e Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá (3).

O obxectivo da Xunta, segundo adiantou, é que a convocatoria de axudas se poida publicar a inicios do vindeiro mes de febreiro e lembrou que, na mesma orde, tamén se establecerá unha liña para actuacións que promovan as entidades sociais, ambientais e comunidades veciñais de man común, con algo máis de 500.000 euros. En ambos casos, a subvención pode representar o 100% do custo dos proxectos que impulsen, con importes máximos de ata 80.000 euros no caso dos concellos e de 30.000 euros no caso das entidades.

Ángeles Vázquez aclaroulles aos representantes municipais que as actuacións subvencionables son as de restauración de ecosistemas naturais, como prados de sega, soutos de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica.

Tamén se ofrecerá axuda para a creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza; a sinalización, por exemplo, de zonas de caza ou pesca; a creación e mellora de sendas peonís, pasarelas ou refuxios de pesca; e proxectos de conservación do patrimonio inmaterial (etnobotánica, folclore, música, etnoloxía, etc.).

Outras actuacións obxecto destas axudas serán a realización de inventarios e estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats, así como campañas de concienciación e información ambiental.

Liñas de axuda para os xestores das reservas

Por outra banda, a conselleira recordou que as reservas de biosfera xestionadas directamente pola Xunta —Xurés-Gerês, Río Eo e Ribeira Sacra— tamén disporán dunha partida de 1,37 millóns de euros que se canalizará a través dun plan de actuacións no que xa está a traballar a Consellería e que incluirá medidas de impacto nos tres ámbitos.

Por último, tamén existirá unha liña de axudas pensada para as catro reservas que contan con órganos de xestión independentes da Xunta —Terras do Miño, Ancares lucenses, Mariñas coruñesas e Área de Allariz—. Neste caso os propios organismos xestores poderán optar a unha partida de 1,85 millóns de euros para actuacións de mellora e posta en valor destes espazos naturais.