Skip to main content
A FonsagradaAs NogaisCervantesNavia de SuarnaPedrafita

Os traballos preventivos no distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares axudarán a evitar incendios

Por 20 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares está a sofrer obras preventivas por un investimento duns 86.000 euros. Ditas actuacións consisten, fundamentalmente, en rozas aos marxes das pistas en 78 hectáreas e a mellora de pistas forestais nuns 29 quilómetros, aproximadamente.

Estas obras, que comezaron no ano 2021 e remataranse no presente ano, estanse a realizar en montes dos concellos das Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna. As actuacións consisten na roza de faixas auxiliares de pista forestais, co fin de evitar a propagación e diminuír o risco de incendios forestais, así como facilitar o tránsito polo monte dos medios do Servizo de prevención e extinción contra os incendios forestais. Tamén se está a mellorar as pistas de acceso ás zonas forestais, coa instalación de pasos de auga, drenaxes e coa apertura de foxos nos lugares onde é necesario.

Os traballos dividíronse en dous proxectos: por un lado, as obras localizadas nas parroquias de Vilaspasantes, Vilarello e Noceda, no concello de Cervantes; nas parroquias de Santo André e As Nogais, no concello das Nogais; e nas parroquias de Padornelo, Cebreiro, Zanfoga, Riocereixa, Fonfría e Hospital, no municipio de Pedrafita do Cebreiro. Ditos traballos afectan a 37,26 hectáreas e 14,50 quilómetros de pista, por un importe de algo máis de 38.000 euros.

O segundo proxecto localízase nas parroquias de Santa María de Rao, no concello de Navia de Suarna, e nas parroquias da Ribeira, Donís, O Castro, Dorna, O Pando, Quindous e Cereixedo, no municipio de Cervantes. Estas actuacións afectan a 40,52 hectáreas e 14,45 quilómetros de pista, por importe de case 48.000 euros.

O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.