Skip to main content
Lugo

Entrevista Paloma Lugilde: “Lugo ten moitísimo potencial e xente moi boiña”

Por 17 Xaneiro, 2022Xaneiro 19th, 2022Sin comentarios

Paloma Lugilde orixinaria de Noia é unha directora, dramaturga, actriz e docente afincada en Lugo dende que era moi pequena. Falamos con ela.

Quen é Paloma Lugilde?
Pois a verdade é que é unha persoa en continua aprendizaxe.

Como se autodeterminaría?
Como unha traballadora que intenta construír dende a escoita.

Como se deu conta que o teatro e a actuación era o seu?
Dende sempre me encantou todo o tema de estar enriba dun escenario e comunicar. É verdade que foi máis tarde, cando estudei dereito e xuíz que me din conta de que realmente o meu era o teatro, cando me vin na tesitura de elixir entre a parte máis de dereito e parte máis de teatro.

Como comezou neste mundo?
Primeiro foi a través do baile tanto clásico como flamenco. En teatro comecei en terceiro de carreira cando me apuntei a un grupo independente da universidade de Coruña. Tempo despois cando regresei a Lugo creamos Palimoco entre eu e unha compañeira Lucía Lence. Nos nosos inicios íamos por pubs facendo pequenas historias que curiosamente eran Lorca, Rosalía e outras historias e despois xa posteriormente fomos a outras obras.

Cal é o seu referente?
Nun primeiro momento tanto a miña profe de danza. Despois tiven a sorte de atoparme con Sarabela teatro e, a partir de aí, xa comecei a coñecer xente como Vicente Fuentes que sigue sendo o meu mestre de voz, xente de Odin teatro como Isabel Úbeda. Pero realmente referentes son moitas mulleres directoras as que agora observo e intento traballar con elas para aprender. Tamén teño como referentes aos meus propios alumnos na escola e as alumnas que comezaron comigo de pequenas e agora son actrices xa recoñecidas. Elas ensínanme a min como é o caso de Alba Loureiro.

En que proxectos está traballando actualmente?
Sigo de xira con Poeta en Nova York e xa estamos empezando a mascar un pouquiño aqueles temas que teñen un cariz de pulsión social. Acabo de saír de traballar na documentación de Comedia sen título xunto ao Centro Dramático Nacional e xunto Marta Pazos e o seu equipo dos que aprendín moito.
Agora si que poñendo o acento na próxima produción que aínda estamos aí a artellar… Sobre todo neste intre exacto traballando a tope na escola de Palimoco e os de Down Lugo que son piares para min neste momento.

Escea de Poeta en Nova York - Fotografía de Adra Pallón

Cal é a clave para adicarse a súa paixón?
Moito traballo, non desesperar porque é unha carreira de larga distancia no que hai momentos moi bos, momentos non tan bos, momentos nos que te fraquean as forzas pero ves un raio de luz ou alguén que te bota unha man e te axuda e te conforta e de repente como esa paixón sempre está aí parece que todo vai para adiante.

Cal foi o traballo ou proxecto do que se sente máis orgullosa?
O meu traballo como directora da compañía de teatro universitaria os anos que estiven si que foron momentos moi bonitos polo que significaron a nivel de investigación, do achegamento a unha das miñas paixóns que é Lorca. Eu creo que un dos proxectos dos que me sinto máis orgullosa é o Publico de García Lorca que montei dúas veces con universitarios e agardo espero poder montar a nivel profesional. Tamén estou moi garbosa das últimas pezas que montei nas aulas de Boisec e Casa de ilusións. Tamén a verdade é que non podo elixir un porque dende os traballos que fago coa compañía de teatro Down Lugo como todos os traballos que fago na Escola dende o primeiro ao último poño toda a paixón que é un dos meus defectos porque son bastante incapaz de non poñer toda a carne no asador.

Que fai Paloma Lugilde no seu tempo libre?
Adoito estar cos amigos, familia ou parella. Leer, pasear pero sobre todo escaparme a Noia a ver a miña nai. Agora mesmo cando teño tempo libre é o meu principal obxectivo, desfrutar dela. Tamén cos sobriños de aquí e de alá. E si teño un tempiño ir de viños, ver a xentiña, comer, invitar a comer a casa alguén, cear… A verdade é que gústame moito ese tipo de plans, gústame a conversa e a xente.

Como acabou vivindo e traballando en Lugo sendo de Noia? Cantos anos leva en Lugo?
Vin moi de pequena en 6º de EGB debido a que trasladaron a meu pai de Noia a Lugo e a verdade é que Lugo me acolleu moi ben. Malia que a miña familia case toda está en Noia e tiro para alí todo o que podo, teño un fío con eles moi importante.

Que é o que máis lle gusta de Lugo?
O ambiente, a xente… Lugo ten moitísimo potencial e xente moi boiña. Gústame todo porque foi a cidade que me acolleu na que se me ocorrían moitas ideas e cada cousa que se me ocorría, cada cousa que intentaba facer, se podía facer ou se intentaba. Facer cousas no parque de Rosalía, ao aire libre, actuar enriba da muralla, polo río é marabilloso. Lugo ten moito case todo o que se pode pedir, tamén moi boa xente. O único que tes que ter coidado é que o efecto muralla non te colla aí nin a néboa se enquiste moito. Equilibrar, ter un pé fora, viaxar algo, ver cousas tamén fora e equilibrar un pouco. Teño un grato recordo da cidade, o outro día volvía de viños e me acordaba de toda a miña adolescencia coas miñas amigas no Catorce, no -mesón da rúa, no Daniel, nos pinchos…

Como xorde Escola Palimoco Teatro Danza?
A verdade é que a pedagoxía para min foi moi importante e cando empecei no colexio de Fingoi, onde me deron moitísimas oportunidades e me deixaron moita liberdade para traballar, estiven case 11 anos co teatro como materia obrigatoria dentro do currículum. Aprendín moito de persoas como Lucía Lence ou Carmen Carricoba e moitísima xente que pasou por alí. Axudáronme moito e dábanme moita liberdade. Despois desta etapa seguín coa pedagoxía na aula de teatro universitaria facendo campamentos. Grazas a toda esa labor formativa que era súper importante enriqueceume e, de repente, houbo un momento na miña vida laboral que quedei no paro e tiña a oportunidade de facer a escola, cobrar o paro para poder facerte autónomo. Xusto nese momento Xabier Iglesias estaba buscando un local para facer escola tamén e xuntámonos os dous creando Espazo Dez. Aí naceu o que é a escola no 2014. Agora ambas escolas creceron e cada unha está nun sitio pero seguimos unidos en moitas cousas. Na actualidade eu estou sola na escola porque hai varios grupos e a verdade é que funciona moi ben, é moi familiar e hai moita paixón, moito aprendizaxe e moita creación. Eu creo que aprendo moito máis deles que eles de min é como unha pelota de ping pong.

Que foi o máis complicado de emprender coa Escola?
O principio foi moi “Oh dios mio” pero buscar que nos deran a licencia foi do máis complicado, tíñamos un proxecto precioso na estación de ferrocarril de aquí de Lugo, de feito a Escola íase chamar Entre vías pero despois non nos concederon a licencia no Concello e se nos caeu o mundo enriba, isto suceden un mes antes de abrir entón tivemos que buscar outro local e arranxar todo en moi pouco tempo. Cando se nos veu abaixo o de Entre vías non o podíamos crer despois de tanto tempo buscando local, tíñamos xa Adif que nos dixera que si foi un pau moi duro. Posteriormente, atopamos este local no que estamos agora e a verdade é que aí moi ben. Aínda estou moi agradecida pola axuda da xente que nos levou a obra como German e todas as persoas que nos axudaron dende o principio, técnicos, deseñadores, etc. fixeron todo o proceso moi “guay”. Recordo cando ía ver a obra que nos centrábamos sobre todo en cumprir a normativa. Para eso éramos os dous moi escrupulosos, queríamos facelo o máis profesional e legal posible, cumprindo de maneira estricta o que dicía a normativa porque tiñamos moi claro que queríamos facer as cousas ben dende o principio. Outra das situacións máis complexas foi a de superar os medos persoais de haberá xente, serei unha boa profesora, eran os medos que podemos ter todos nun determinado momento.

Que inquedanzas ten na vida?
A verdade é que non facer dano a ninguén. Tratar á xente o mellor posible, intentar ser paciente, escoitar, poñerme no lugar do outro porque me preocupa moito como nos tratamos, a falta de tenrura que temos entre a xente, como as pequenas violencias se poden converter en grandes danos e como me preocupa moitísimo a taxa tan elevada de suicidios que hai e como está a xente, en que momento vive a xente. Tamén me preocupa moito o cómplices que podemos ser nunha sociedade que as veces sin querer damos un pouco as costas ou miramos cara outro lado. Sempre me estou debatendo nesas cuestións e esa inquedanza de facer que a xente do meu arredor sexa feliz, eu mesma tamén, atoparse, a saúde, a familia coma todo o mundo. Hai cousas que si que me preocupan a nivel social, político, laboral… Pero do que teño ao meu arredor o que me interesa é que sexamos capaces de mirarnos a cara con tenrura, franqueza e honestidade.

Que soño ten por cumprir?
É unha cousa que me preocupa moito, que fai moito que non fago. Antes soñaba moito desperta e tiña moitas ilusións e ultimamente non soño desperta e para min é unha preocupación porque creo que soñar é o máis bonito da vida e eso me inqueda porque non quero perder a ilusión.

Que propósitos profesionais ten de cara ao 2022?
Agora mesmo cóllesme nun momento profesional de moitas decisións entón non sei moi ben que propósitos teño para o 2022 pero si que con cambios posibles e vendo que é realmente o que teño que facer e elixir. Entón si que hai algunha temática e algunha obra de teatro que está no futuro así non moi lonxano e si que tamén quero sacar e poñer orden nas investigacións que fixen e que traballei ultimamente sobre Lorca e o seu teatro representable e darlle forma a través dun doutoramento e unha tese pero despois a nivel profesional estou aberta a moitas cousas e varias posibilidades que hai que concretar pouquiño a pouco.