Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Con dereito a soñar

Por 6 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Por Adrián Fernández.

Acábase o ano 2021 con moi bo sabor de boca coa ilusión e o dereito para soñar con alcanzar unha das 8 prazas para xogar a Copa.

Moito tempo levaba esperando a afección breoganista, entre partidos aprazados e o parón polas seleccións, para volver ver ao seu equipo, e notábanse as ganas ao ver a cantidade de xente que aproveitara a ponte para ir a Bilbao. Pero a mala sorte fixo que este partido tamén se aprazase por un fallo técnico, situación que non sentou ben nos que viaxaron e empezaba a crear un ambiente de nerviosismo pola cantidade de inconvenientes que se estaba sufrindo.

Unha semana máis de espera coa incerteza do rendemento que daría o equipo despois de tanto tempo sen competir, pero esta vez si se disputou o partido, e que mellor que facelo no Pazo. Ao final 83-74 ante Andorra, vitoria moi traballada de principio a fin ante un rival moi duro que demostraba que este equipo sabe loitar contra as adversidades.

Tocaba agora volver a Bilbao pero esta vez sen o apoio da afección, partido entre semana pensando tamén en se se podería xogar esa fin de semana en Valencia. Ambiente estraño e derrota 83-75 ante un, a priori, rival directo, resultado que podería ser distinto de disputarse no seu día.

Borrón e conta nova, había que centrarse no próximo rival, nada menos que Valencia Basket.  Partidazo e Vitoria por 97-98 pese ao desenlace final, 47 puntos meteu Valencia no último cuarto, récord ACB, pero aínda así vitoria, tal vez deslucida por este feito, dun Breogán que dominara todo o partido.

Celebramos Noiteboa con moita ilusión e collíamos forza para unha semana con dous partidos importantísimos na casa, Fuenlabrada e o aprazado contra Joventut. A primeira vitoria por 97-89, non sen esforzo, pero con certa sensación de que o partido acabaría caendo polo seu propio peso do noso lado e o segundo, sorpresa, outra vez aprazado, pero esta vez por positivos no club de Badalona.

Tíñanse dúbidas de como se volvería tras o parón e  Dzanan Musa encargouse de disipalas. Nomeóuselle xogador franquía e de momento respondeu cando máis facía falta, MVP de decembro cunha media de 27,3 puntos e 34 de valoración este mes. Desatouse a Musamanía en España e Europa, o que fixo que clubs como Milán ou o mesmo Real Madrid mostrasen interese, pero por sorte e segundo dixo o seu axente  Misko Raznatovic, “necesítase un milagre para que el cambie de contorna esta tempada”.

O que si cambia de aires é Kevin Larsen que por falta de minutos vaise a Estudantes, polo que o club fichou a  Nikola Jankovic para substituírlle. Só queda darlle as grazas e desexarlle sorte na súa nova etapa. Tamén toca despedirse de Seydou Aboubacar que se desvincula do club e ficha polo COB. Un mes con moito movemento xa que tamén se inscribiu na ACB a Alex Urtasun pola baixa por lesión de Sergi Quintela.

Non sabemos o que nos depará o 2022, de momento tráenos redución de aforos e a suspensión do derbi contra Obradoiro, pero o que está claro é que deixamos atrás un dos mellores anos para o breoganismo en moito tempo e que temos dereito a ilusionarnos co que queda de tempada, o soño da Copa está aí por dereito propio.