Skip to main content
Lugo

Lara Méndez participou na festividade de San Xiao en Ferrol

Por 8 Xaneiro, 2022Xaneiro 9th, 2022Sin comentarios

A rexedora, Lara Méndez, acompañada polo tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, participou na festividade de San Xiao. A outra das xornadas, logo do San Froilán, coa que os Concellos de Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento e na que a institución anfitrioa distingue ao Ferrolán do Ano e entrega as Insignias de Ouro da cidade.

“Recoñecementos moi valiosos cos que, ao igual que Lugo fai coas Medallas de Ouro, recentemente entregadas, se pretende poñer en valor a importancia das accións e do impulso cidadá na construción social dos municipios”, sinalou Lara Méndez.

Durante o acto, ao que asistiron representantes de todos os grupos da Corporación ferrolá (PP, BNG e Ferrol en Común), así como os voceiros do PSOE e do PP por parte da Corporación lucense, a alcaldesa puxo de manifesto a complexidade do ano 2021, cando, tras superar a chegada da COVID, “os Concellos tivemos que afrontar a recuperación dos nosos municipios nun contexto sanitario, social e económico realmente duro e no que aínda se mantén a preocupación polo devir da pandemia. Un 2021 no que quedou manifesta a transcendencia das Administracións locais na protección da veciñanza e no desenvolvemento das prestacións públicas para que ningún cidadán e cidadá se quede atrás nestes momentos de tanta dificultade”, sostivo.

Méndez lembrou tamén os lazos de amizade que ámbalas dúas cidades comparten dende 1906 e que se intensificaron a partir de 1913 coa entrada en funcionamento do ferrocarril. “Porque Lugo e Ferrol tamén mantemos retos e demandas en común e unha delas é, precisamente, non quedar descolgadas das infraestruturas viarias e ferroviarias tanto para o tráfico de pasaxeiros como o Ave, como o Corredor Atlántico de Mercadorías. Reivindicacións nas que as dúas somos aliadas porque resultan claves para que os nosos territorios sexan competitivos. Un obxectivo no que tanto Ángel como eu estamos a traballar como alcaldes pero tamén noutros foros nos que estamos presentes como pode ser o Eixo Atlántico”.

Unha similitude que a rexedora extrapolou, igualmente, ao modelo que segue a transformación dámbalas dúas cidades, “en prol de acadar urbes mais sostibles, nas que as persoas son o centro das nosas políticas, as principais protagonistas da nosa acción”.

“Estas serán, sen dúbida, cuestións cruciais na etapa na que estamos: a da recuperación; a das oportunidades que esta crise nos brindou deixando ao descuberto primeiro as debilidades que debiamos atallar, pero tamén as fortalezas que temos e que debemos aproveitar para saír reforzados da actual situación socio sanitaria”, engadiu a rexedora.

“Un fin para o que – abondou – resultará importantísima a xestión dos fondos europeos, como mecanismo imprescindible que axudará a rachar coa Galicia de dúas velocidades que dende Ferrol e Lugo combatemos cunha comprometida política municipal, logo de anos de hándicaps que se foron superando. Unha única velocidade á que nos incorporaremos e que chegará tamén da man da interconexión e da vertebración do territorio”, afirmou Lara Méndez.

INSIGNIAS DE OURO

A alcaldesa de Lugo tivo tamén palabras de recoñecemento para as persoas e entidades galardoadas este ano: o bailarín e director da compañía “Nova Galega de Danza”, Jaime Pablo Díaz Rodríguez; as Unidades de Coidados Paliativos e de Hospitalización a domicilio HADO; a Sociedade Artística Ferrolana (SAF), que cumpre 50 anos; o edil Salustiano Gómez a título póstumo e a Asociación Recreativa e Deportiva Canido que conmemora o seu centenario.

En canto ao premio Ferrolán do Ano, este 2021 recaeu en Julio Abalde Alonso, Reitor Universidade da Coruña, pola creación dunha unidade mixta de investigación UDC-Navantia.

“Nesta etapa fomos máis conscientes, se cabe, do valor que ten o traballo dos servizos esenciais, nomeadamente os sanitarios e asistenciais, pero tamén do papel transcendental que exerce a Universidade como motor de futuro, de proxección empresarial e industrial, en materia de investigación pero tamén na xeración de talento. Ese talento que será o soporte principal da nosa recuperación económica, ao igual que o labor realizado polas entidades culturais, sociais e deportivas, básicas para a supervivencia da nosa identidade e claves no desenvolvemento integral das persoas que, co seu tesón e dedicación, dignifican o autóctono e axudan a que o local transcenda fronteiras”, enxalzou Méndez.

“Vimos de moitos meses de desalento, cansanzo e medo pero debemos ter presente que fomos capaces de superalo, de palialo e de erguernos a base de traballo, de ilusión, de novos proxectos que agora queremos materializar para que as nosas cidades ofrezan unha maior e mellor capacidade de resposta ante os retos futuros, para que sexan resilientes e estean preparadas. Por iso, se o facemos xuntos teremos máis peso e poderemos chegar máis lonxe”, concluíu a rexedora que aproveitou o final do seu descurso para renovar o compromiso de colaboración do Concello de Lugo co de Ferrol.

Como principais agasallos institucionais, Lara Méndez entregou, unha replica en cerámica do Casco Histórico de Lugo e recibiu de Ángel Mato varios exemplares bibliográficos que recollen capítulos da historia de Ferrol.