Skip to main content
Destacadas Otros LUGOXALugo

A campaña Lugo Km 100 viaxará ata o Fitur a mediados de xaneiro

Por 10 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou da campaña coa que o Concello de Lugo terá presenza na feira internacional de turismo Fitur, que terá lugar en Madrid a mediados de xaneiro. Lugo continuará coa campaña Lugo Km 100, que, segundo explicou Maite Ferreiro, “está a destacar os potenciais turísticos de Lugo, e a consolidarnos como o centro do turismo de proximidade na Galicia”.

“Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo”, lembrou Maite Ferreiro, que engadiu “isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir”. A edil de Cultura afirmou que “o turismo sostible e de proximidade está a mostrarse como un dos eixos de saída da crise económica provocada pola COVID”. Lugo estará presente en Fitur con material promocional da cidade e coa proxección dos vídeos turísticos elaborados pola área de Cultura.

A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, como unha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural. A campaña está acompañada de diversas accións realizadas polas distintas áreas da Tenencia de Alcaldía para promover Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela. A presentación de Fitur contará tamén coa presenza da alcaldesa de Lugo, que presentará iniciativas para a mellora de Lugo.

Durante o 2021, entre as actuacións realizadas destaca a colocación das letras Lugo Km 100 na entrada a Lugo polo camiño primitivo, “unha acción que mellorou a imaxe da entrada a Lugo e está a funcionar como elemento de promoción turística a nivel internacional, especialmente destacable no ano Xacobeo”

DATOS TURISMO 2021
A concelleira de Cultura presentou os datos de turismo do ano 2021. Ferreiro explicou que “o número de turistas nos primeiros meses do ano, cando as restricións de mobilidade eran máis severas, foron moi baixos, pero coa tempada de verán Lugo posicionouse como un destino estratéxico á hora de visitar Galicia, situación que continuou ata o final do ano”.

Os dous puntos de información turística do Concello de Lugo, a Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo e o punto de información turística habilitado durante o verán e o San Froilán na praza Maior atenderon en total a 50.692 persoas, un notable aumento con respecto ás 44.408 do ano 2019, antes do inicio da pandemia

As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares ao ano 2019, o MIHL pechou o ano con 16.118 visitas, multiplicando por 3 o número de visitantes rexistrado no 2019, cando a cifra total foi de 5070 persoas en todo o ano. Maite Ferreiro vinculou o éxito do MIHL ao traballo de difusión da instalación realizado pola área de Cultura, e á chegada de exposicións como Galicia a golpe de Click, que durante os 5 meses que estivo en Lugo achegou ao Mihl a preto de 10.500 persoas.

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.