Skip to main content
Lugo

Dous proxectos de modernización das Mercedes reciben unha axuda do Ministerio

Por 11 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que o Ministerio de Educación e Formación Profesional vén de seleccionar dous proxectos nos que participa o CIFP As Mercedes de Lugo na última convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación e investigación aplicadas e transferencia de coñecemento no ámbito da Formación Profesional.

Isabel Rodríguez, que felicitou á comunidade escolar do centro educativo lucense, explicou que as axudas do Ministerio de Educación enmárcanse dentro da aposta do Goberno para mellorar a calidade da Formación Profesional en España.

O Goberno financia con case 440.000 euros os dous proxectos nos que participa o CIFP As Mercedes, xunto con outros centros de Formación Profesional das comunidades autónomas de Castela-A Mancha, País Vasco e Cataluña. Cada un dos centros educativos recibirá 50.000 euros por proxecto.

Unha das axudas, dotada con 220.000 euros, destínase ao proxecto “Realidade virtual para a formación en enerxías renovables”. Colaboran nel, ademais do CIFP As Mercedes, o CIFP de Aguas Nuevas (Albacete), o Centro de Formación Somorrostro (Vizcaya) e o IES Pere Martell (Tarragona), xunto coa empresa Ingeteam Power Techhnology S.A-Service. A finalidade deste proxecto é realizar un simulador virtual para as familias de Eficiencia Enerxética.

A segunda axuda, por importe de 219.900 euros, destínase ao desenvolvemento do proxecto “CIEES Network para a instauración do programa de ensino, aprendizaxe da innovación a través do desenvolvemento de prototipos nunha rede de innovación en centros de Formación Profesional”. Neste proxecto participan, ademais do CIFP As Mercedes, o CIFP Aguas Nuevas (Albacete), Goierrri Eskola (Guipúzcoa) e o IES Pere Martell (Tarragona) e a Fundación Economistas sin Fronteras. Todos eles colaborarán na posta en marcha dunha plataforma de uso común, denominada Centro de Innovación e Emprendemento en Economía Sustentable para a Formación Profesional (CIEES-FP). Trátase dun modelo innovador e vangardista, dotado de recursos e dun programa de actividades que proporcionará ferramentas para a aprendizaxe da innovación e o emprendemento en clase ou no lugar de traballo.

MODERNIZAR A FORMACIÓN PROFESIONAL

O Ministerio de Educación e Formación Profesional destina máis de 23,8 millóns de euros a esta actuación. A esta convocatoria presentáronse un total de 228 propostas das que foron seleccionadas 141, que contan coa participación de máis de 600 centros de FP, empresas e outras entidades ligadas á Formación Profesional. Trátase de proxectos colaborativos capaces de xerar valor, compartir e mobilizar coñecementos para contribuír á modernización da Formación Profesional.

Con esta actuación, que se enmarca no Plan de Modernización da Formación Profesional, o Ministerio fíxase o obxectivo de impulsar a innovación e a transferencia de coñecemento entre profesorado, alumnado e traballadores das empresas participantes para a mellora da calidade da Formación Profesional en España.