Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo visitou Nenea, Aprender Creando para coñecer de primeira man as súas necesidades

Por 12 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde, Rubén Arroxo xunto co edil de educación, Felipe Rivas, visitaron as instalacións de Nenea, aprender creando en San Xoan do Alto. O tenente alcalde e o edil de educación coñeceron de primeira man as bases deste proxecto educativo, baseado na conexión directa coa natureza e coa arte.

Felipe Rivas explicou que “desde o Goberno de Lugo queremos abrir unha nova vía e traballar da man con todos os proxectos educativos alternativos que teñen presenza en Lugo”, e engadiu “nesta visita puidemos escoitar as propostas e necesidades de Nenea, que nos servirán para desenvolver a planificación do traballo da concellería de Educación”.

NENEA, APRENDER CREANDO

A escola Nenea estableceuse en Lugo no ano 2016, tomando o modelo das escolas bosque de Holanda e do Reino Unido. O proxecto educativo de Nenea baséase na creación de novos modelos de convivencia e de respecto profundo á vida en todas as súas manifestacións. Unha convivencia máis humana e empática, máis inclusiva, equitativa e amorosa.

Nenea propón unha educación integral de seres diversos e libres para decidir a través da coeducación como ferramenta transversal. Educar é “pensar existencias”, por iso, buscan favorecer a autorreflexión, a autonomía e o empoderamento, individual e social, máis aló dos roles e estereotipos de xénero que limitan e encorsetan.