Skip to main content
Lugo

Xa á venda as entradas para as representacións que terán lugar nos primeiros meses do ano en Lugo

Por 12 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Os lucenses xa poden adquirir as entradas para as diversas actuacións que terán lugar ao longo destes meses no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

En total son 28 as representacións que teñen ás entradas a disposición dos veciños tanto na páxina web entradaslugo.es ou na Oficina Municipal de Turismo. O prezo é de cinco euros naquelas actividades dirixidas a un público adulto mentres que as infantís teñen un custe de tres euros. As persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) contarán cun desconto do 30% nas actividades para público adulto.

Pódense adquirir as entradas para as obras programadas ata o 5 de xuño.

PROGRAMACIÓN XANEIRO
Xoves, 13 de xaneiro. Cigarreiras de Contraproducións. Terá unha duración de 100 minutos e comezará ás 20.30 horas. No centenario do pasamento da novelista Emilia Pardo Bazán, Contraproducións presenta unha relectura dunha das obras máis interesantes da autora: A Tribuna. A muller, o amor e os prexuízos de clase son os temas en torno ao que xirarán esta relectura, facendo fincapé no ambiente e primeiras loitas feministas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña. E todo isto cun trasfondo político onde se asiste ao ocaso dos Borbóns e á atribulada proclamación da I República.

O domingo, 16 de xaneiro a obra será Ás para Álex de Baobab Teatro. Unha obra de carácter familiar recomendada para o público infantil maior de 5 anos. Ten unha duración de 45 minutos e comezará ás 18:30 horas. Sinopse: Álex é un neno coma calquera neno de 8 anos que lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos/as, ir ao parque…, a súa paixón: o fútbol, pero un día Álex ten que deixalo todo porque o seu corpo non responde, non camiña…e coma calquera neno, Álex enfádase, enfádase coa súa nai, coa súa irmá, co seu can, ata co fútbol. Álex enfádase co mundo e asáltanlle moitas preguntas, – por qué a min?, por qué non podo xogar? Por qué, por qué e por qué?…., está tan enfadado que deixa de mirar ao seu arredor, ata que un día aparece Laura no seu camiño, e sen pedir permiso pero con moito coidado e cariño entra de cheo na súa vida para mudarlle a mirada.

Xoves, 20 de xaneiro. Pura de Os Náufragos Teatro. A súa duración é de 75 minutos e comeza ás 20.30 horas. Pura fala dos nosos maiores. En concreto, a orixe da peza é a avoa Pura, familia do director que serve como fío condutor do espectáculo. Pura tamén está de aniversario, 94 anos, e o seu desexo é ir de novo ver un filme ao cine París da Coruña. Un cine que xa non existe, un cine que agora é un Pull and Bear. Pura fala de memoria histórica, das lembranzas que aínda perduran nas avoas, da reminiscencia, dos lugares que un día foron parte da nosa vida e tamén entra no conflito da especulación inmobiliaria e da destrución do patrimonio cultural.

O domingo, 23 de xaneiro o auditorio acollerá a obra Little neno descobre os Beatles de A Reixa Producións. Unha obra de carácter familiar que está recomendada para o público infantil de 2 a 12 anos. Conta cunha duración de 45 minutos e nela, contan a historia de Little Neno, cando queda durmido sempre lle suceden cousas estrañas. Pero estrañas de verdade… Renato, o seu oso de peluche, marchou nun curioso submarino amarelo. Para atopar o seu querido amigo, Little Neno terá que contar coa axuda de personaxes sorprendentes coma o tolo do outeiro, o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes e unha morsa.

O xoves, 27 de xaneiro representarase Yo Mussolini de Leo Bassi – Culturactiva, unha obra para público adulto que ten unha duración de 75 minutos. A obra foi estreada pouco antes da pandemia e supuxo un tremendo éxito de público e prensa. Leo Bassi achega o seu mellor espectáculo dos últimos anos. Bassi volve posicionarse fronte á extrema dereita nun momento de vital importancia para a sociedade cun espectáculo nado do auxe en todo o mundo da vella ideoloxía fascista. Un desafío directo á xente que ten loitado sempre por unha vida máis solidaria e humanista. Yo, Mussolini é unha peza provocadora e divertida, pensada para xerar optimismo e dar ao público que sae do teatro gañas de resistir, ou, mellor, “risistir!” con intelixencia á intolerancia. .

Para rematar a oferta teatral do mes de xaneiro, o domingo, 30 o auditorio acollerá a obra Déjà-vu da compañía de Manolo Alcántara. Novo circo para público familiar cunha duración de 60 minutos. Esta é unha proposta de circo persoal, fronteirizo co teatro físico (apoiado noutras disciplinas coma os monicreques, proxeccións, etc.) onde a curiosidade, a intuición e as ganas de explicar as cousas dunha maneira singular son o motor principal. Déjà-vu fala da distancia entre unha persoa e os seus soños, do que é e o que querería ser. Soños moi ambiciosos que espertan os seus aires de grandeza, pero tamén imposibles, abocándoo ao desánimo.