Skip to main content
Lugo

A obra Cigarreiras terá lugar hoxe,13 de xaneiro, no Gustavo Freire

Por 13 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Hoxe, xoves 13 de xaneiro, ás 20.30 horas o auditorio Gustavo Freire acollerá a obra Cigarreiras do grupo Contraproducións.

Esta obra está baseada en La Tribuna de Emilia Pardo Bazán. Unha proposta dramatúrxica audaz que, con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo como La Tribuna, con outros máis frescos e lixeiros, incluso cómicos por momentos, tan característicos da narrativa de Emilia Pardo Bazán.

O elenco está formado por Tamara Canosa, Susana Dans, Covadonga Berdiñas, Isabel Naveira, Ledicia Sola, Ana Santos e Merce Castro.

A muller, o amor, os prexuízos de clase son os temas principais entorno aos que xira a relectura da obra de Emilia Pardo Bazán. Fai especial fincapé no ambiente e primeiras loitas femininas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña. Todo isto cun fondo político onde se asiste ao ocaso dos Borbóns e a proclamación da I República.

As entradas poden adquirirse a través da páxina web https://www.entradaslugo.es/evento/teatro/cigarreiras ou na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función. Tamén se poderá mercar no auditorio, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

CONTRAPRODUCIÓNS
É unha empresa galega dedicada á creación e distribución de espectáculos escénicos, conducida por Cándido Pazó, autor e director teatral, e Belén Pichel, xefa de produción.

Cunha vocación teatral de signo aberto, intención crítica e relación fresca e directa cun público de amplo espectro, é a plataforma que acolle a maior parte das creacións escénicas de Cándido Pazó no campo do teatro e a narración oral, aínda que dando cabida tamén a outras figuras da dirección escénica ou a escritura teatral, así como a coproducións ou colaboracións con outras estruturas.