Skip to main content
Lugo

Luís Latorre seguirá presidindo a Asociación Lugo Monumental

Por 14 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Esta tarde a Asociación Lugo Monumental está a celebrar a súa asemblea anual no Salón de Actos do edificio administrativo da Xunta na Rolda da Muralla nº 70.

Entre os puntos da orde do día está a celebración de eleccións á Presidencia, que suporá a reelección de Luís Latorre ao ser a súa a única candidatura presentada. Para a Asociación isto significa “un respaldo dos asociados ao labor realizado pola actual directiva que só terá un pequeno cambio xa que haberá unha substitución na representación da Praza de Abastos”.

NÚMERO DE ASOCIADOS
Lugo Monumental considérase a si mesma unha asociación diferente, “xa que a política de subvencións 0 outórganos unha envexable independencia que demostramos reiteradamente e que nos permite abordar temas que outros compromisos quizá dificultarían”.

Esta política, unida á do contacto constante cos asociados e entre estes grazas aos grupos de mensaxería móbil, fai de Lugo Monumental unha entidade dinámica e participativa, que se converteu nun foro de reunión, debate e propostas aberto aos empresarios e profesionais do centro histórico de Lugo, que non só teñen oportunidade de intercambiar opinións, senón que poden interrelacionarse e apoiarse mutuamente, o que supuxo unha gran achega para a Asociación.

A pesar da crise xerada pola pandemia, que causou baixas na Asociación por peches de locais e xubilacións, o número de asociados segue sendo moi alto xa que houbo novas incorporacións. Lugo Monumental conta actualmente con 114 socios, un número importante tendo en conta o seu reducido ámbito de actuación (o recinto amurallado de Lugo).

CONTAS DO 2021 E ORZAMENTOS PARA 2022
Na orde do día tamén se inclúe a presentación, debate e, no seu caso, aprobación das contas da Asociación do ano 2021, indicando con detalle os gastos realizados e as previsións para 2022.

A Asociación pretende que o 2022 sexa o ano da recuperación da actividade. “Confiamos en que ao longo destes 12 meses a pandemia se supere definitivamente e permita volver gozar de accións como o Milagre de San Vicente e demais actividades suspendidas nos anos anteriores pola crise sanitaria”.

DEFENSA ESTACIÓN AUTOBUSES
A directiva propoñerá á Asemblea un debate sobre a defensa da estación de autobuses na súa actual localización. En caso de aprobarse a postura da directiva, continuaranse as accións encamiñadas a manter esta instalación no seu privilexiado emprazamento. “Isto suporá presentar as alegacións e recursos oportunos contra a desprotección do edificio de Correos na estación de trens, así como a organización dos foros de debate e publicidade dos argumentos defendidos por Lugo Monumental para non acometer unha obra faraónica dunha estación intermodal nunha cidade abandonada polas administracións ferroviarias e que suporá empeorar un servizo, o de autobuses, moi utilizado pola cidadanía”.