Skip to main content
Lugo

Lugo sofrerá cortes nas rúas dende o luns polo comezo da peonalización do barrio de Recatelo

Por 15 Xaneiro, 2022Xaneiro 16th, 2022Sin comentarios

O tenente de alcalde e concelleiro de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o vindeiro luns comezarán os traballos de peonalización no barrio de Recatelo, nas rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. Arroxo afirmou que “estamos a traballar na mellora da imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía”, e destacou que “Recatelo pode ser unha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, e ao mesmo tempo podemos mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza”.

O tenente alcalde presentou o plan de tráfico que se aplicará durante a primeira fase dos traballos, que comezará a aplicarse o vindeiro luns, e que consistirá no corte da rúa Isaac Díaz Pardo. Nesta rúa manterase aberto ao tráfico o treito que comunica as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, e mudará de sentido, quedando habilitado en sentido Avelino Pousa Antelo – Cidade de Viveiro. Ao mesmo tempo mudará o sentido de Avelino Pousa Antelo, quedando en sentido Puro Cora – Isaac Díaz Pardo. Será preciso tamén eliminar tres prazas de estacionamento na rúa Puro Cora e de Avelino Pousa Antelo.

Arroxo explicou que “con estes traballos daremos un paso adiante na humanización do barrio de Recatelo, engadíndoas aos traballos xa realizados no verán pasado na rúa Vila de Sarria”. Esta actuación sairá a licitación cun orzamento máximo de 260.425,15€, e un prazo de execución de 6 meses.

“Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin “como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar”.