Skip to main content
Lugo

As brigadas municipais realizaron case 700 reparacións no 2021

Por 17 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de infraestruturas urbanas, Alexandre Penas, visitaron ao persoal da brigada municipal de vías e obras, que durante o ano 2021 atendeu un total de 680 reclamacións veciñais. Arroxo destacou que “as preto de 700 reparacións realizadas durante todo o ano proceden na súa maior parte de solicitudes da veciñanza, reparacións pequenas que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo”.

A brigada de obras realizou o pasado ano un total de 258 intervencións na sinalización da cidade reparando ou substituíndo sinais, marcas viais ou bolardos deteriorados, ademais, melloraron 100 tapas de rexistro que producían molestias á veciñanza por facer ruído ou estar soltas. Executáronse tamén 281 arranxos en vías públicas, tapando fochancas ou renovando partes das beirarrúas máis deterioradas. As 41 actuacións restantes consistiron en renovacións e instalacións de mobiliario urbano, como bancos ou aparcabicis, e en outras reparacións.

“Esta brigada realiza unha importante labor de reparación nas distintas infraestruturas do concello e no mantemento da cidade”, explicou Arroxo. O tenente alcalde lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. “As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade”.