Skip to main content
Lugo

Esta semana dará comezo o proceso de licitación da cafetería do Vello Cárcere

Por 18 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que esta mesma semana a Xunta de Goberno Local autorizará o inicio do procedemento de licitación para a xestión da cafetería do Vello Cárcere, logo de que a área de Contratación actualizara os pregos para adecualos “ás inquedanzas do sector, tendo en conta que a pandemia mantén, aínda, moitas incertezas sobre as restricións nas que pode derivar”, sinalou a rexedora.

Así, Lara Méndez, que visitaba na mañá de onte as instalacións acompañada da tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, referiu que se introduciron nos requisitos técnicos e administrativos determinados aspectos que, “fan a adxudicación máis atractiva para o empresariado local de acordo ao contexto social e sanitario actual”.

Méndez lembrou a este respecto que, con ese obxectivo, o Executivo local xa investiu preto de 30.000 euros para mellorar e modernizar as instalacións, ás que se dotou dun acceso independente, nun dos laterais do inmoble, orientado a que a apertura e peche do local non estivera condicionado ao horario do recinto cultural, así como a diferentes melloras relacionadas coa accesibilidade.

Para a concesión valorarse, entre outros aspectos, o embelecemento do recinto e a proposta de actividade máis innovadora.

Pola súa banda, a edil responsable da área económica, Paula Alvarellos, deu conta de que a concesión, que terá unha duración de dez anos, prorrogable, anualmente, até un máximo de 5 máis, sairá a licitación por un canon mínimo mensual de 1.360 euros (16.320 euros/ano).

“Sendo competencia da ou do adxudicatario acometer a instalación de todo o mobiliario e equipamento e executar a saída de fumes e a instalación completa de gas”, explicou.

“Precisamente, abondou a tenente de alcaldesa, para escoller a oferta máis vantaxosa terase en conta aquela que supoña un maior valor engadido para a cidade, tomando como aspectos moi importantes do mesmo a calidade das melloras e do embelecemento que se realicen na cafetería, a estética máis axeitada para o local así como a proposta máis innovadora. Para o que, as e os licitadores, deberán presentar unha memoria na que relaten a forma prevista deorganización e de funcionamento da actividade de hostalaría / restauración a realizar, así como unha descrición detallada e a valoración dos medios materiais e de investimento que teñen previsto afrontar”, avanzou Alvarellos Fondo.

“A nosa vontade é que a materialización deste contrato, contribúa non só a dinamizar a economía do municipio, ampliando a oferta hostaleira da cidade e ofrecendo unhas boas condicións, interesantes para a súa explotación comercial, senón tamén poñer a disposición das e dos lucenses un espazo que, pola súa situación e configuración, se converterá seguro nun novo polo turístico co que poñer en valor todo o patrimonio histórico, artístico e paisaxístico local”, concluíu a concelleira.