Skip to main content
Lugo

A Praza de San Marcos acolle a mostra ‘Galicia. Un pobo, unha selección’

Por 18 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Praza de San Marcos acolle desde onte e ata o 14 de febreiro a exposición ‘Galicia. Un pobo, unha selección’, organizada pola plataforma Vía Galega.

A mostra consta de 20 paneis explicativos que repasan a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país en competicións internacionais e na traxectoria das seleccións galegas.

Esta mostra é unha ferramenta para difundir e ampliar o coñecemento que se ten sobre a historia do deporte galego e a necesidade de contar con seleccións propias que representen Galicia nas competicións internacionais, como teñen outras nacións sen Estado como Escocia ou Gales. As seleccións suporían unha oportunidade para crear e afianzar estruturas deportivas propias nas que os deportistas poidan desenvolver o seu potencial competitivo.

A EXPOSICIÓN

A mostra está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galicia no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.

A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.

O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galicia compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galicia acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.

A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galicia nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.

A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.

O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galicia como a bilarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.

Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias e no mundo do motor.

ITINERANCIA

Tras a súa exposición na Praza de San Marcos, a mostra iniciará un percorrido polas distintas comarcas. Nos vindeiros meses, poderase ver en Sarria, Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.

CAMPAÑA A PROL DAS SELECCIÓNS GALEGAS

A mostra forma parte dunha campaña en favor das seleccións deportivas galegas que está a desenvolver a plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos. Ademais da propia exposición, a campaña inclúe a edición de publicacións divulgativas, vídeos promocionais e palestras en diferentes localidades de Galicia.