Skip to main content
Lugo

A cidade de Lugo acollerá a Copa Raíña de Voleibol do 11 ao 13 de febreiro

Por 18 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes no Pavillón Municipal de Deportes de Lugo na presentación da 47 edición da Copa da Raíña de Voleibol, que terá lugar do 11 ao 13 de febreiro na capital lucense. O Club Arenal Emevé será o anfitrión desta competición que congregará por primeira vez na cidade de Lugo aos seis mellores equipos ao final da primeira volta da Liga Iberdrola. No acto tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; a presidenta do Arenal Emevé, Bibi Bouza, o secretario xeral para o deporte en Lugo, José Ramón Lete; o vicepresidente da Federación Española de Voleibol, José Ángel Luna; e o Deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera Capón.

O mandatario provincial destacou a importancia desta cita, que demostra que “a provincia de Lugo é unha potencia no deporte, en particular no deporte feminino, conta con equipos en practicamente todas as disciplinas deportivas, temos unha afección de primeiro nivel e temos unha sólida e longa tradición de traballo”. “Un traballo”, subliñou, “que exemplifica o club Emevé, todo un referente, non xa no voleibol, senón para o deporte galego e nacional”. Tomé Roca felicitou ao club polo seu traballo e recordou que é o único desta disciplina deportiva en España que ten aos equipos masculino e feminino na máxima categoría.

O apoio ao deporte é unha das liñas de traballo destacadas da Deputación de Lugo, explicou o Presidente, “polos valores sociais tan importantes que promove, fundamentais para o progreso dunha sociedade, como son o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais”, pero tamén pola súa capacidade “para a promoción do territorio e do turismo”. “Acoller a Copa da Raíña de Voleibol poñerá á nosa provincia no foco de moita xente, das propias deportistas, dos equipos técnicos, dos familiares, dos afeccionados a este deporte e do público en xeral”, sinalou o mandatario provincial. Polo tanto, engadiu, “esta competición é tamén unha boa maneira de dar a coñecer e de promover a provincia de Lugo, unha proxección que terá un impacto sobre o turismo e sobre a economía a curto prazo, pero, con toda probabilidade, tamén a medio prazo”.

A Deputación apoia dende o deporte de base ao deporte profesional, “podemos dicir que en toda as disciplinas deportivas, e tanto o deporte masculino, como, por suposto, o deporte feminino”, afirmou o Presidente. Neste sentido, José Tomé defendeu o deporte como “unha ferramenta para a loita pola igualdade”. “O deporte, na súa forma máis básica, fomenta a participación equilibrada e ten a capacidade de promover a igualdade de xénero. O deporte feminino empodera ás mulleres e ás nenas, a súa participación xera referentes modelos a seguir, polo que axuda a impulsar un verdadeiro cambio de valores na sociedade”, asegurou.

“A provincia de Lugo ten unha gran canteira de deporte feminino, no voleibol, no fútbol sala, no atletismo ou no baloncesto, e dende a Deputación imos seguir respaldando o traballo de todos os clubes que, como o Arenal Emevé, loitan por manter os seus equipos femininos no máis alto do deporte galego e nacional”, afirmou o mandatario provincial durante a presentación, asegurando que a 47ª Copa da Raíña de Voleibol “será un éxito para o impulso deste deporte en Galicia e para promover os valores do deporte feminino.