Skip to main content
Lugo

O Espazo Permacultural Lugar de Reque presentou a programación que levará a cabo este ano

Por 19 Xaneiro, 2022Xaneiro 20th, 2022Sin comentarios

O Espazo Permacultural Lugar de Reque presentou a programación que se desenvolverá ao longo do ano, no paseo do río Rato, na contorna do centro de cestería.

Trátase dunha axenda de actividades formativas e lúdicas que, segundo explicou o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, “permitirán, por un lado, mostrar os principios e técnicas da permacultura ás persoas participantes, por outro, ir implementando o deseño de permacultura previsto para os terreos e mellorar as características construtivas do taller de cestería”.

O coordinador da programación, o permacultor Alexandre Grande Babarro, sinalou “que as actividades se organizaron atendendo aos diferentes ámbitos de aplicación da permacultura (saúde, tecnoloxía, manexo da terra, construción, economía, educación e comunidade) e procurando unha liña de aprendizaxe constante para facilitar para que as persoas interesadas poidan participar en varias das actividades propostas e obter unha visión global da permacultura”.

Entre as actividades previstas, figuran actividades formativas de carácter básico e de aplicación doméstica, como poder ser obradoiros de cosmética natural, alimentación consciente ou de espiral de aromáticas. E propostas de carácter máis técnico, como os curso de agricultura rexenerativa, estufas de barro ou bioconstrución, orientadas ás persoas interesadas en aplicar estas técnicas nos seus contextos familiares ou mesmo profesionais.

Ademais, impulsaranse propostas lúdicas, abertas a toda a cidadanía, como un festival ecofamiliar, previsto para o periodo estival, ou unha feira de economía social, con producións artesás e ecolóxicas, que se desenvolverá no mes de setembro.

Inscricións abertas para a xornada de poda e renovación

Esta programación permacultural primeira das actividades previstas é unha xornada de poda e renovación das plantacións de vimbio que medran na finca que se desenvolverá o vindeiro sábado, 22 de xaneiro. Trátase dunha xornada pensada para cesteiras e cesteiros profesionais e afeccionados, e tamén colectivos educativos ou sociais que interesados no vimbio e nas súas aplicacións e no contacto coa natureza.

A formación, que combinará nocións teóricas e práctica, desenvolverase en dúas quendas, de mañá (10.00 horas -13.30 horas ) e tarde (15.00 a 18.30). As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do correo lugardereque@deputacionlugo.org ou do teléfono 681 01 35 23

ACTIVIDADES 2022

Xaneiro-febreiro

Obradoiro de cosmética natural
Nesta formación, afondarase no uso dos recursos naturais para facer produtos de hixiene que coiden do entorno e da saúde. As persoas participantes poderán elaborar xabrón sólido, aceite corporal de alove vera, dentífrico sólido ou desodorante solido.

Obradoiro de consumo responsable
Tratará o impacto dos hábitos de consumo no medioambiente, na saúde e no tecido social, profundizando no concepto de consumo responsable e os seus beneficios. Ademais, proporanse receitas con ingredientes saudables, seleccionados con criterios de consumo responsable.

Botiquín familiar natural
Neste obradoiro compartiranse nocións básicas sobre coidados caseiros con métodos naturais, aprendendo a recoñecer algunhas plantas e elaborar infusións, decocións, tinturas ou emplastos.

Marzo-abril

Curso de estufas de barro de alto rendemento (dúas fases)
As persoas participantes experimentarán como a mestura entre materiais naturais e tecnoloxía apropiada permiten crear inxenios cos que obter grandes rendementos enerxéticos sen necesidade de contaminar nen esgotar recursos.

Maio-xuño

Curso de agricultura renexerativa
Formación téorica e práctica en técnicas e estratexias para facer un eficiente uso do solo na produción orgánica de alimentos, ao tempo que se mellora o seu rendemento.

Obradoiro de creación de espiral de aromáticas
Creación dun espazo de cultivo de plantas aromáticas e medicionais en espiral, imitando patróns naturais. Abordaranse as bases teóricas e desenvolverase o traballo manual.

Obradoiro de hoteis de insectos.
Afondará nas técnicas, formas e materiais máis axeitados para a construción deste habitáculos e tamén nos beneficios da biodiversidade para o equilibrio dos espazos naturais.

Xullo-agosto

Primeiro Festival Eco Familiar Lugar de Reque.
Evento de carácter aberto para achegar á cidadanía ao Lugar de Reque, cun roteiro guiado para ver os avances que se teñan acadado no espazo e con propostas artísticas e de lecer para persoas de todas as idades.

Xornadas para a creación dun roteiro sensorial
Esta actividade terá como finalidade a creación dun camiñio sensorial, con diversidade de formas, texturas e cores a partir de distintos materiais naturais

Setembro

Xornadas de Economía Social Lugar de Reque.
Celebrarase un mercado de produtos locais e ecolóxicos e unha palestra sobre economía social.

Outubro- novembro

Curso de bioconstrución (dúas fases)
Nesta formación amosaranse as bases técnicas da bioconstrución, algúns dos seus principais métodos, así como as ferramentas e os materiais naturais máis axeitados para cada proxecto. A parte práctica estará enfocada á adecuación do edificio que acolle o taller de cestería, mellorando parte das súas instalacións con revocos naturais que aumentarán o confort térmico do espazo. As persoas participantes formarán parte do proxecto desde a súa formulación técnica até a súa finalización, adquirindo os coñecementos e habilidades necesarias para poder desenvolver reformas semellantes nos seus propios espazos

Decembro

Xornada comunitaria
Actividade aberta á toda a cidadanía na que se realizará unha nova ruta guiada polo espazo permacultural para explicar os avances realizados e observar como o deseño inicial se vai facendo realidade.