Skip to main content
Lugo

O Museo Provincial foi o escenario para o vídeo de Dzanan Musa como mellor xogador de decembro da ACB

Por 21 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O xogador do CB Breogán, Dzanan Musa, recibiu o trofeo como xogador máis destacado da ACB no mes de decembro no Museo de Lugo. Varias salas do Museo serviron de emprazamento para a gravación dos vídeo promocionais que a ACB elabora para a difusión destes galardóns, ofrecendo así unha oportunidade para a proxección do Museo e dos seus fondos.

Entre os escenarios das pezas audiovisuais aparecen a Sala de Ourivería Antiga, que alberga unha importante colección de torques, arracadas, brazaletes e outras pezas de ouro e prata, fundamentalmente da Idade de Bronce e da Cultura Castrexa. Concretamente, a entrega do trofeo, na que actuou como mestre de cerimonio o arqueólogo e investigador, Felipe Arias, como un dos socios máis antigos do CB Breogán, fíxose ante a vitrina do Torques de Burela.

Nos vídeos, pódense ver tamén secuencias gravadas na Sala de Plástica Romana, que garda mosaicos e diversas mostra de escultura romana dos séculos I ao IV d.C como a estela de Crecente e as bifrontes de Adai e Atán; ou Claustro (s. XV-XVIII), un espazo declarado Ben de Interese Cultural que exhibe unha ampla e variada colección de reloxos de sol, epigrafía romana (en aras, placas e miliarios) e medieval, heráldica, capiteis, sartegos, laudas sepulcrais e mostras de escultura en pedra de diversas épocas.

O CB Breogán está a aproveitar a súa relevancia e proxección social para promover Lugo e o seu patrimonio, dando visibilidade ao Museo de Lugo, un dos baluartes patrimoniais e culturais da cidade.

O xogador aproveitou a ocasión para facer unha visita guiada polo Museo e achegarse á historia lucense.

A ACB difunde os vídeos a través da súa web e dos seus perfís en redes sociais desde o 20 de xaneiro.