Skip to main content
Lugo

Dispositivos de localización GPS ofrecerán maior protección ás traballadoras sociais do Concello

Por 21 Xaneiro, 2022Sin comentarios

As traballadoras sociais do Concello de Lugo levarán consigo dispositivos de localización GPS cando realicen labores de atención domiciliaria, en prol da súa protección.

A medida, anunciada pola concelleira de benestar, Olga López Racamonde, trata de garantir a integridade do persoal municipal desta área cando exerce as súas funcións fóra dos centros de convivencia, que xa contan con gardas de seguridade para controlar os accesos e impedir que se produzan incidencias.

“Durante o último ano os Servizos Sociais atenderon máis de 13.600 consultas sen que a penas se rexistrasen altercados no interior das dependencias. De feito, en todo o 2021 só temos constancia de dous, un no CC. Maruja Mallo e outro no Uxío Novoneyra nos que se requiriu a presenza policial mentres que nunha ducia de ocasións tivo que chamárselle a atención aos usuarios por faltas de comportamento. E foi sempre dentro do horario de atención ao público no que xa temos contratada vixilancia privada para evitar este tipo de situacións”, explicou a edil.

López Racamonde sinalou, pola contra, que “é precisamente cando as traballadoras acoden a prestar asistencia aos domicilios onde perciben unha maior sensación de inseguridade, até o punto de que nalgunhas ocasións precisan do acompañamento dunha patrulla policial que poida interceder en caso de ser recibidas de forma agresiva polas persoas usuarias do servizo. Ás veces estas visitas chegan a facelas xunto a educadoras do Centro de referencia para esquivar contextos de indefensión, o que tamén mingua os recursos do departamento que debe destinar horas en activo de Educación Social a esta función”, indicou a responsable de Benestar.

Olga López referiu que o sistema de localización, que comenzará a empregarse en febreiro e que foi contratado para as 11 traballadoras por un importe de 3.305 euros, inclúe tanto a adquisición dos dispositivos de xeolocalización como o seu mantemento durante o prazo dun ano.

“Os aparatos estarán conectados, inicialmente aos ordenadores de Servizos Sociais onde, en caso de ser necesario, se avisará á Policía para que interveña. E, por unha banda, lles permitirá alertar de que se está a producir un incidente pero tamén realizar unha chamada de voz para deixar constancia sonora do que está a acontecer na vivenda”, sinalou a concelleira que enmarcou a decisión na vontade do Goberno de Lara Méndez de “mellorar as ferramentas coas que contan os técnicos municipais para desempeñar o seu labor, sempre en condicións de seguridade para garantir a súa integridade física”.