Skip to main content
Lugo

A campaña Lugo Km 100 fixo presencia no Fitur

Por 21 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua, Maite Ferreiro, asistiu esta mañá á Feira Internacional de Turismo Fitur, onde realizou a nova presentación da campaña Lugo Km 100 posta en marcha pola área de Cultura e Turismo. Maite Ferreiro explicou que “o obxectivo deste ano non é novo, continuar a ensinarlle ao resto do mundo o que fai especial a Lugo e convidar a todo o mundo a descubrilo con nós”. A concelleira de Turismo afirmou na presentación que “os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galicia”.

A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, como unha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural. A campaña está acompañada de diversas accións realizadas polas distintas áreas da Tenencia de Alcaldía para promover Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela.

A presentación do Concello de Lugo en Fitur continuou coas intervencións do concelleiro de xuventude e deportes, Mauricio Repetto e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e unha proxección sobre o Arde Lucus.

Durante o 2021, entre as actuacións realizadas destaca a colocación das letras Lugo Km 100 na entrada a Lugo polo camiño primitivo, “unha acción que mellorou a imaxe da entrada a Lugo e está a funcionar como elemento de promoción turística a nivel internacional, especialmente destacable no ano Xacobeo”.

“Agardamos a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso, e animamos a todo o mundo a coñecer o Lugo vivo, cheo de vida, moderno, afable, cómodo e acolledor que agarda por todas as persoas que nos visitan”, afirmou Maite Ferreiro durante a presentación, e engadiu “tratarémosvos da mellor das maneiras e acompañarémosvos mentres descubrides Galicia”.