Skip to main content
Lugo

As alumnas de Tecer para integrar visitaron a Sara Lage e Montse Arias

Por 22 Xaneiro, 2022Sin comentarios

As persoas participantes no programa formativo Tecer para integrar do Centro de Artesanía e Deseño, realizaron visitas aos obradoiros das artesás e deseñadoras Sara Lage e Montse Arias.

As sesións son parte da formación en técnicas textís e moda sostible que as alumnas están a desenvolver desde o pasado mes de outubro, ofrecéndolles a posibilidade de contrastar a aprendizaxe teórica e práctica que van adquirindo coa experiencia de profesionais do sector.

Así, Sara Lage explicoulles con todo luxo de detalles cada unha das fases do seu traballo: dende as primeiras notas e probas de deseño, bordados, e selección de tecidos, pasando polas inmensas posibilidades do patronaxe, os sistemas e organización en taller e coas súas clientas, ata o resultado final.Tamén se falou da súa evolución e posicionamento no mercado, do acceso e aproveitamento de tecidos, ou de como afectou a crise actual ao seu sector.

Na visita ao obradoiro de Montse Arias, as participantes puideron aprender da súa forma de traballar na selección de tecidos e nun patronaxe a medio camiño entre o sistema industrial e a medida. Coa deseñadora comentaron tamén a importancia do asesoramento persoal as súas clientas, e da necesidade de reinventarse e buscar novas oportunidades empresariais cara un consumo responsable.

As quince alumnas que participan no programa Tecer para integrar, que o Centro de Artesanía e Deseño desenvolve coa colaboración da Fundación FADAS, recibirán 638 horas de formación en técnicas textís e moda sostible. O obxectivo do proxecto é que as persoas participantes adquiran os coñecementos e a cualificación técnica necesaria para desenvolverse profesionalmente no sector.