Skip to main content
Lugo

O Vello Cárcere acolle 19 pinturas da mostra Flores Silvestres de Galicia

Por 23 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua visitou a nova mostra que vén de abrir ao público no Vello Cárcere. Maite Ferreiro destacou a mostra como “unha nova proposta para coñecer o patrimonio natural da Galicia e desfrutar da pintura de Constantino González”

A exposición Flores Silvestres de Galicia consta de 19 pinturas realizadas en óleo sobre lenzo mostrando a través da arte as distintas flores silvestres que se poden atopar nos montes galegos, como o toxo, os pampullos ou os croques. Cada pintura acompáñase dunha explicación sobre a historia desa flor, con datos como a orixe, as propiedades, o hábitat no que se atopa ou o seu período de floración. “Trátase dun traballo que combina a arte coa cultura e a paisaxe propia da natureza galega”, afirmou Maite Ferreiro

Constantino González (Ourense, 1950) aprendeu a debuxar aos 11 anos na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Con 17 anos emigrou a Venezuela, onde compaxinou o seu traballo cos estudos de pintura e ilustración artística na Academia de Belas Artes de Caracas. Ao longo da súa traxectoria cultivou diferentes estilos, mais inclínase polo impresionismo no óleo sobre lenzo cuns trazos sinxelos, harmoniosos e alegres, con moita luz e fáciles de entender.