Skip to main content
Lugo

O BNG apoia a mobilización organizada pola CIG en contra da nova reforma laboral

Por 28 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O responsable local do BNG en Lugo, Felipe Rivas, e o portavoz e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciaron a participación do BNG na mobilización convocada pola CIG o vindeiro domingo, en contra da nova reforma laboral proposta polo Goberno do Estado. Arroxo cualificou como unha “decepción” a proposta do Goberno e afirmou que “máis que derrogar a reforma laboral do PP de 2012, mantéñense os problemas estruturais da situación laboral actual”.

Rubén Arroxo anunciou que o BNG iniciará unha campaña para achegar as propostas do BNG para mellorar a situación laboral actual, “propostas que pasan pola derrogación íntegra da reforma laboral do PP de 2012”. O BNG defende que a clase traballadora debe recuperar os dereitos perdidos, como a indemnización de 45 días no caso de despedimentos improcedentes, redución da temporalidade e precariedade, recuperar a autorización administrativa previa aos EREs ou restaurar as limitacións empresariais para a mobilidade xeográfica colectiva, entre outras.

O BNG realizará repartos con material informativo, dentro da campaña En defensa das traballadoras e traballadores, que non rouben os nosos dereitos que se desenvolverá en todo o país. O BNG traballará tamén a través do seu deputado no Congreso do Estado, Néstor Rego, para que o Real Decreto da nova reforma laboral se tramite no Congreso como proxecto de lei co obxectivo de lograr, a través das correspondentes emendas, derrogar integramente a reforma.