Skip to main content
LugoPalas de Rei

Un novo tramo da estrada LU-P-2901 que conecta Lugo e Palas de Rei contará con aglomerado en quente

Por 20 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo comezou esta semana a executar as obras de mellora dun novo tramo da estrada LU-P-2901, que conecta Lugo con Palas de Rei, un proxecto ao que a institución provincial dedica un investimento de 175.000€ e que consiste na pavimentación do firme con aglomerado entre os quilómetros 21,370 ao 25,000, o que aumentará a comodidade e a seguridade dos usuarios.

O prazo de execución destes traballos é de 9 meses e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación do firme con aglomerado e o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Trátase dunha actuación moi importante para a zona porque esta estada provincial dá servizo ás parroquias palenses de Augas Santas, O Carballal e San Cibrao da Repostería e tamén é moi empregada polos peregrinos para situarse ao pé do Camiño de Santiago.

Estas obras dan continuidade ás actuacións que se fixeron noutro tramo da LU-P-2901 o ano pasado. En concreto, mellorouse o firme co estendido de aglomerado en quente e renovouse a sinalización do treito situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400 no concello de Lugo por importe de 85.000€. En total, a institución provincial investiu nos último ano máis de 260.000€ nesta estrada.

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, sinalou que “con esta nova actuación seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego”