Skip to main content
Portomarín

O PSOE de Portomarín solicita que se actúe no entorno do colexio ante o risco de caída polo xeo

Por 25 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A voceira do PSdeG no Concello de Portomarín, Silvia Rodríguez, rexistrou hoxe un escrito no Concello demandando ao Alcalde que habilite os medios necesarios para evitar caídas por acumulación de xeo na entrada do patio do CEIP Virxe da Luz de Portomarín. Ademais solicita que se revisen aqueles outros lugares do Concello nos que pode acumularse xeo, co fin de que se adopten as medidas necesarias para evitar caídas nesta época do ano.

A portavoz explica que presentou esta petición tras escoitar as demandas dos pais e nais de Portomarín, e lamenta a pouca empatía do Alcalde cara a comunidade educativa. Xa que denuncia que “nestes últimos días estanse producindo intensas xeadas que provocan que en determinados lugares haxa unha acumulación de xeo importante, que pode causar problemas para os viandantes. Un deses lugares é a entrada do CEIP Virxe da Luz, que durante días está rexistrando caídas dos nenos e nenas que acoden a este centro escolar. Durante a semana pasada xa se rexistrou algunha caída e esta semana tamén. Os profesores teñen que ir a recoller aos nenos/as a entrada do patio porque teñen moita dificultade para manterse en pé”, explicou a socialista.

Rodríguez remarca que noutros anos, durante o inverno, “botábase sal nesta zona de entrada ao centro educativo, para facilitar o acceso ao centro sen ningún tipo de problema ou dificultade. Ademais, é importante sinalar que no día de onte, 24 de Xaneiro a Xunta avisou aos concellos que a Axencia Estatal de meteoroloxía (AEMET) determinou un nivel de alerta amarelo por temperaturas mínimas, en varias zonas da comunidade, entre elas o centro e sur da provincia de Lugo”.

Polo tanto, esta comunicación pretende que os concellos adopten as medidas preventivas necesarias ante as predicións meteorolóxicas adversas e que alerten e mobilicen os medios e recursos necesarios para facer fronte a estas inclemencias. “Unha medida que tal e como puidemos comprobar o Concello de Portomarín ignora completamente”, resumiu.