Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O inicio das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra está previsto para o mes de marzo

Por 22 Xaneiro, 2022Xaneiro 23rd, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo aprobou en Xunta de Goberno este venres a prórroga do encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo, por importe de 685.894€ e por esta tempada 2022, coa opción de volver a prorrogarse na tempada 2023.

A voceira socialista avanzou que a previsión é que esta tempada 2022 comece no mes de marzo e remate a finais de ano, subliñando que “as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra son unha oferta turística que está funcionando moi ben”. Destacou que “o ano pasado foron máis de 40.000 viaxeiros os que percorreron algunha das rutas polos ríos Miño e Sil desde os embarcadoiros de Belesar e Ponte do Sil, e no 2020, no peor momento da pandemia, as embarcacións provinciais superaron os 21.000 pasaxeiros”.

No ano 2021 A Deputación de Lugo pechou na ponte de decembro a tempada de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra tras nove meses de servizo continuado. Preto de 40.000 persoas empregaron este servizo turístico provincial que percorre o canón do Sil e o río Miño e amplía as ofertas de ocio e lecer ao aire libre que volveron ser opcións prioritarias no sector turístico deste ano 2021, que estivo aínda moi marcado polas condicións sanitarias da Covid-19.

Este servizo turístico de calidade rompe coa estacionalización do sector, afianzando unha das principais políticas provinciais, e permite xerar un efecto multiplicador no resto do territorio e na Ribeira Sacra en particular, en termos de hostalería e restauración, sendo un importante incentivo para o sector servizos, un dos máis castigados pola pandemia. Así mesmo, as rutas en catamarán da Deputación de Lugo contribúen ao desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, particularmente, á proxección do territorio.