Skip to main content
Folgoso do Courel

As pistas e cortalumes de Folgoso do Courel sufriron melloras no 2021 para a prevención de incendios

Por 16 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Folgoso do Courel contou cun investimento de 80.000 euros para a realización de varias obras preventivas nos montes de xestión pública situados na zona. As actuacións consistiron na mellora de pistas e cortalumes.

Este tipo de actuacións permiten ter un monte limpo e seguro ante a aparición de posibles incendios forestais, ao ter as vías de acceso en boas condicións para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais. O pasado ano 2021 o Concello contou cun Plan de prevención de incendios forestais de preto de 30 millóns de euros, co que se actuou en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Nesta liña, as obras que se executaron neste concello abarcaron unha superficie total de 84,8 hectáreas, das cales 22 ha están situadas nos montes de Escrita e Monteiros (parroquia de San Silvestre) e 62,8 hectáreas pertencentes ás parroquias de San Vicente, Santa María e San Xoán. Os traballos consistiron na creación e mellora de cortalumes, co fin de crear descontinuidades na vexetación de cara a deter un posible incendio forestal.

Tamén se realizaron actuacións dirixidas ao mantemento de infraestruturas preventivas, tales como pistas forestais, coa colocación de pasos de auga, creación de novas vías e acondicionamento das existentes. Por último, xestionouse a biomasa en zonas estratéxicas, creando e mellorando infraestruturas como pistas forestais, devasas e puntos de auga. Todas estas actuacións teñen como obxectivo final o de evitar que o lume, en caso de producirse, se propague e así minimizar os danos causados no patrimonio forestal.