Skip to main content
Monforte

Aprobado o proxecto de acondicionamento e mellora da presa da Pinguela en Monforte

Por 20 Xaneiro, 2022Xaneiro 21st, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, compareceu en rolda de prensa para presentar o proxecto de acondicionamento da lagoa da Pinguela e a construción dunha nova presa desmontable, unha actuación que “suporá un antes e un despois para a zona desta lagoa e o parque de Cobas, e que complementará unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas (30.000 m2).

O alcalde agradeceu o compromiso do Presidente da Confederación Hidrográfica, a cal financiará integramente este proxecto que conta cun orzamento de practicamente 700.000 euros, concretamente 695.980,64 euros, e que se licitará, dende a Confederación, nos vindeiros días.

Na súa intervención, José Tomé manifestou a súa satisfacción pola consecución deste proxecto “logo dun longo traballo de xestións que agora se converten en realidade”. Neste senso, o alcalde explicou que “houbo que sortear moitas dificultades dende que no ano 2016 a forza da auga rompera o vello AZUD da Pinguela, dificultades que puxo a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que nos fixo modificar o proxecto e iso levou consigo un atraso de máis dun ano na licitación deste proxecto.”

Neste senso, dende a rotura da vella presa da Pinguela en 2016, o Concello empezou as xestións para repoñer esa presa, co obxectivo de que nese entorno no que se estaba xa condicionando o novo parque de Cobas, houbera unha lámina de auga que lle da unha mellor presencia ó paso do río Cabe por esa zona.

ACTUACIÓN DE MELLORA
As obras previstas consisten na execución dunha serie de actuacións ambientais na área de A Pinguela, para poñer en valor esa zona, o que leva consigo a recuperación da zona da lagoa con actuacións que habiliten un espazo para uso e deleite da poboación.

Antes de empezar as obras, levarase a cabo o desvío do fluxo do leito mediante a colocación de ataguías (que son unhas estruturas para a condución da auga), co obxecto de protexer a zona de traballo e poder traballar en seco.

Tras elo levarase a cabo a roza selectiva, o que se proxecta é a realización do acondicionamento ambiental do entorno da lagoa da Pinguela e tamén do leito do río Cabe. Por este motivo, vaise realizar unha roza selectiva mediante a eliminación das especies invasivas ou que poidan ser foráneas ou alóctonas, e procederase a plantar especies propias da ribeira do río.

Despois, procederase á estabilización do leito do río Cabe. Para a estabilización do leito do río Cabe proxéctase unha solución de bioinxeniería, mediante unha empalizada de troncos, a cal garantirá a estabilización do talud á vez que protexe aquelas marxes do río que son máis susceptibles de ser erosionadas en épocas de avenidas ou de fortes choivas.

Realizarase un acondicionamento no sendeiro peonil arredor da lagoa. Arredor da lagoa, existe un pequeno sendeiro, actualmente intransitable, o cal vai ser acondicionado e mellorarase o seu firme colocando chantos de lousa no terreo existente, de forma que o sendeiro quede delimitado sen chegar a influír no ambiente da lagoa.
Na parte final do actual sendeiro, polo que non se pode transitar, proxéctase a construción dunha pasarela de madeira atravesando o canal de entrada á lagoa, e desta forma conseguirase que a senda que se vai mellorar neste proxecto poida trazar un percorrido circular arredor da lagoa, conectando cos viais que xa hai na actualidade na zona que se axardinou.

O seguinte paso será a demolición do AZUD existente. En cumprimento da normativa europea, os leitos dos ríos teñen que ter garantida a conexión lonxitudinal do seu leito, e polo tanto, o que se vai facer é a demolición completa dos restos da presa que queda no leito do río, provocada pola erosión que produciron as choivas do ano 2016.
Así, vaise acondicionar ese leito cun muro de protección contra a erosión, para poder controlar os efectos que puidera ter o río Cabe neste brazo do río, que tan solo transportaría auga no caso de riadas ou aumentos de caudal.

Retirarase de maneira selectiva dos depósitos a materia orgánica do leito do río. Isto consiste na retirada de acarreos de materia orgánica depositados ó longo do río Cabe polas correntes que foron depositando ó longo dos anos e tamén se contempla a retirada dos mesmos do canal de entrada á lagoa, xa que no momento actual encóntrase cheo de sedimentos e vexetación.

Por último levarase a cabo a construción dun AZUD desmontable. Co fin de substituír a vella presa, cuxos restos vanse retirar para darlle continuidade ó leito do río, vaise construír un AZUD desmontable que permita dar esa continuidade lonxitudinal ó leito natural do río Cabe e, ó mesmo tempo, mellore a recarga subterránea da auga da lagoa, creando unha lámina de auga semellante á que consigue crear a presa do Parque dos Condes.

En época de estiaxe, a lagoa é máis sensible ás variacións que poida haber no rio Cabe, xa que, debido ós caudais é mais difícil a recarga superficial da mesma a través do canal de entrada na lagoa.

En previsión de fortes tormentas ou de fortes choivas, habería que desmontar o AZUD para facilitar o paso da auga e evitar danos na medida do posible.

Tamén se inclúe no proxecto a construción dunha escala de peixes de madeira para garantir a permeabilidade lonxitudinal da fauna piscícola ó longo do río e que o AZUD non supoña un obstáculo para a diversidade da zona. A escala de peixes deséñase en madeira tratada en autoclave para evitar a súa putrefacción e seguindo a normativa vixente de vigas artesás para ríos.

O alcalde tamén subliñou que “este proxecto, que vai supoñer un antes e un despois para a zona da lagoa da Pinguela e o parque de Cobas, complementa unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas (30.000 metros cadrados) no que se inclúe a parcela que actualmente ten un cortello e que vai desaparecer, o longo da primavera, xa que permutamos o terreo para suprimir o cortello, e para elo xa temos elaborado o proxecto de derribo que será completado coa ampliación do estacionamento existente”.

“Este magnífico proxecto que estamos presentando”, rematou o rexedor monfortino “e que licitará nos próximos días a Confederación, ten un orzamento de practicamente 700.000 euros, concretamente 695.980,64 euros, que financia integramente a Confederación Hidrográfica, o que lle quero agradecer expresamente ó seu presidente”.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, destacou que este proxecto “foi madurado polo miúdo e conta con todas as autorizacións e avais dos técnicos que traballaron nel”.

“Unha vez licitado o proxecto e adxudicado” explicou Quiroga “a idea e que se execute a finais da primavera, coincidindo coa estiaxe do río Cabe, a mellor época para levar a cabo as actuacións previstas, e que finalicen ditas obras a principios de outono, pois contan cun prazo de execución de 6 meses”.

O presidente concluíu salientado que “este proxecto suporá un antes e un despois na zona da Pinguela e o parque de Cobas, pois levarase a cabo unha notable mellora tanto a nivel medioambiental como no que se refire á oferta de lecer para os veciños da cidade e aqueles que a visitan”.