Skip to main content
Monforte

Éxito total no servizo de bus urbano de Monforte de Lemos no 2021

Por 29 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no pasado ano 2021, que alcanzou os 52.685 usuarios.

O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2021 supera ás 4.400 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 52.000 viaxeiros”, destaca o Alcalde.

Do mesmo xeito, o Alcalde subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2020, un 140% máis de persoas que en 2019, e en 2021, supuxo o 265% máis de viaxeiros, o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019. E en 2021, con respecto a 2019, son 28.263 usuarios máis.

Hai que ter en conta que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.
Do mesmo xeito, o incremento de 2021 respecto a 2020 é de 18.020 viaxeiros, o que significa un 52% máis.

DESGLOSE DE USUARIOS

Mes Número de Viaxeiros
Xaneiro 3.209
Febreiro 3.729
Marzo 4.189
Abril 4.297
Maio 4.667
Xuño 4.395
Xullo 4.179
Agosto 4.280
Setembro 4.605
Outubro 5.498
Novembro 5.447
Decembro 4.190
Total 52.685

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, , o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día
O Bus Urbano que comezou o seu servizo en Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.